A colaboración entre a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense fai posible a mellora de diversas rúas das zonas da Cuña e da Farixa para continuar a traballar conxuntamente “na mellora das infraestruturas para dar resposta ás demandas da veciñanza”, sinalou o deputado provincial de Cooperación, Pablo Pérez, na visita que a realizou ás obras que se realizaron nas rúas Farixa, Miramón e Alberto García Ferreiro, acompañado polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, Jorge Pumar, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.
Pablo Pérez destacou durante a visita a importancia da cooperación entre administracións “para poder executar actuacións necesarias para a mellora da calidade de vida dos ourensáns” e dixo que o goberno provincial “sempre está á disposición dos concellos da nosa provincia para colaborar en proxectos que beneficien aos nosos veciños”.
Os traballos de mellora que se levaron a cabo nestas rúas emprazadas entre a Avenida Zamora e a Finca Sevilla, consistiron na reparación das fochas no firme, “unha demanda histórica da veciñanza desta zona e que se pode realizar grazas á colaboración institucional”, dixo o alcalde de Ourense, quen agradece á Deputación de Ourense “a súa man tendida sempre disposta a apoiar ao Concello de Ourense cando o solicitamos para a mellora da nosa cidade”.