O presidente Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino, visitaron os terreos, que foron financiados pola institución provincial, para a construción de vivendas sociais en Oímbra, unha iniciativa municipal que pretende asentar poboación no concello. O investimento da Deputación de Ourense destinado á adquisición destas dúas parcelas ascende aos 69.746 euros e “trátase do primeiro paso para poder desenvolver esta proposta da alcaldesa de Oímbra coa que persegue combater os problemas do despoboamento rural e contribuír a dinamizar a economía do municipio”, salientou Manuel Baltar.
Un vez adquiridos os terreos, “o seguinte paso é realizar un plan especial para poder construír estas oitos vivendas públicas”, dixo a alcaldesa de Oímbra, quen explicou que este plan especial, financiado tamén pola Deputación de Ourense, xa se atopa “redactado e iniciada a súa tramitación diante da Consellería de Medio Ambiente”. A zona na que se desenvolve o plan especial de ordenación rural está recollido no PXOM vixente do Concello de Oímbra, na marxe Este da estrada provincial OU-1010.