A Xunta de Galicia ofrece ás adegas das cinco denominacións de orixe o uso dunha aplicación informática para xestionar os seus rexistros e declaracións.
A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu á presentación desta ferramenta que permitirá compartir datos entre a súa contabilidade e os diferentes rexistros, así como declaracións de produción ou fiscais. Asistiron ao acto dúas adegas por cada un dos cinco Consellos Reguladores de Denominación de Orixe existentes en Galicia: Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras.
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou que a Xunta traballa para cumprir a normativa europea sobre os movementos de produtos agroalimentarios, e de xeito especial os vitivinícolas, que establece a obriga de que os profesionais que manexen estes produtos deberán levar rexistros. Neste senso, apuntou que a Consellería do Medio Rural quere aproveitar a posibilidade que ofrece o marco regulamentario para que os operadores galegos do sector vitivinícola informaticen os seus rexistros.
Durante o acto explicáronse as nocións necesarias para o manexo desta aplicación informática aos representantes das empresas seleccionadas polos Consellos Reguladores. De seguido, e durante un período de probas de dous meses, os participantes terán que introducir datos co fin de comprobar e perfeccionar o seu funcionamento.
A nova aplicación informática permitiralles aos operadores que queiran utilizala compartir e transferir datos entre a súa contabilidade comercial e os diferentes rexistros, declaracións de produción, de existencias ou fiscais, entre outras. O seu uso é voluntario e o procedemento de autorización sinxelo e facilitarase dende a propia aplicación.