O Goberno Local quere aprobalo provisionalmente.

O PXOM, novo fogo cruzado no Concello

Un novo fogo cruzado chega ao Concello de Ourense. Calquera motivo serve para provocar unha faísca no consistorio municipal, nun mandato no que poucas veces se puxeron de acordo entre goberno e oposición.
Nesta ocasión, o novo conflito ten que ver co Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

O concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, xa pediu o expediente a Intervención para continuar coa tramitación de cara á aprobación do PXOM. Nin Asesoría Xurídica primeiro, nin Intervención agora, emitiron informe algún sobre o expediente despois de estar máis de tres meses en cada un dos despachos.

Unha vez devolto o expediente pasará ao xefe de servizo de planeamento -será o funcionario como xefe de servizo da Concellaría- quen dirá se se ratifica ou se engade algunha outra cuestión. En caso de ratificarse implicaría a súa aprobación provisional do plan por decreto do concelleiro (ao delegar o alcalde). Entón produciríase a firma do decreto da aprobación provisional para remitir o expediente á Xunta, que contará con tres meses para realizar o informe preceptivo vinculante. Co que diga o ente autonómico correxiranse cuestións ou elevarase ao pleno, que será o competente para resolver as alegacións e aprobar definitivamente o plan; ou adoptar calquera outra determinación que considere oportuna.

Cudeiro explicaba que seguen este procedemento xa que fan caso ao “informe do Consello consultivo” polo que “procederei a aprobar provinsionalmente o documento”. Aínda que asegurou que “nesta corporación non será posible aprobalo”.
Ao ter o expediente devolto, o xefe de servizo de planeamento terá o informe e a continuación realizarase o drecreto de aprobación provisional, salvo que o informe do xefe de servizo diga o contrario”, puntualizaba Cudeiro, que proseguía “seguimos o trámite que determina a lei e o Consello consultivo xa que é un acto de trámite, así que o expediente avanza para ir gañando tempo para que a vindeira corporación teña o informe da Xunta”.

O edil popular descoñecía por qué os funcionarios non emitiron o informe, aínda que aseguraba que non son vinculantes, “hai que pedilos, pero emitidos fóra de prazo, non se ten porque ter en consideración”.
Ademais, o titular de Urbanismo criticou a actitude tanto de Barquero, que “estivo dous anos nunha comisión de seguemento e non propuxo nada”, dixo, e a Democracia Ourensana, con quen asegurou que se reuniu moitas veces pero nas que “nunca estiveron os concelleiros”.

DO
O grupo da oposión con máis representación na corporación municipal, Democracia Ourensana, tamén falou sobre o tema. O seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, aseguraba que o Concello “tentará aprobar o PXOM provisional á marxe do pleno”. Para Jácome, isto ten unha legalidade “xurídica moi dubidosa”, que probablemente acabaría “tirado polos tribunais”.
Segundo o voceiro de DO, a actuación do PP é irrelevante “porque é soamente a provisional”, a definitiva ten que aprobala o pleno e “desde logo, un plan cheo de pelotazos é moi difícil que DO o aprobe”.
“Así que se está enganando á poboación ao asegurar que se aprobará o PXOM. En tal caso aprobarase o requisito previo que é o plan provisional pero que non serve de nada xa que se non se conta con apoios sería difícil aprobar o plan definitivo”, sentenciaba.

PSOE
“O PP pretende aprobalo pola porta de atrás”. Así comezaba a súa rolda de prensa o portavoz dos socialistas no Concello de Ourense, José A. Vázquez Barquero, que auguraba que o PXOM “acabaría no xulgado”.
Para Barquero é sospetoiso que Cudeiro “continúe empecinado na aprobación dun plan orfo de informes municipais. El quere aprobalo de maneira unipersoal ao marxe do pleno”.
O socialista, ao igual que o edil popular, descoñecía por qué os técnicos municipais non emiten o seu informe, uns informes que considera “imprescindibles” xa que marcarán “o desenvolvemento urbanístico nos vindeiros 20 ou 25 anos”. Ademais, non daba crédito á certeza do popular cando aseguraba que para aprobar un plan de urbanismo non son viculantes os informes da asesoría xurídica e do interventor municipal. Por iso, reclamáballe ao alcalde que “poña fin a este despropósito, que teña sentido común e non aprobe un plan de costas á legalidade e á cidadanía”.

OUeC
Ourense en Común tamén valoraba os pasos que desde o PP queren dar cara o novo PXOM. Desde a formación cualificaban de “alarmante e de extrema gravidade” as intencións dos populares. Criticaban duramente ao concelleiro de Urbanismo, José Cudeiro, ao querer, según OUeC, “devolver a xestión urbanística da cidade aos especuladores inmobiliarios”.
“Tuneou o PXOM, introduciu centos de modificacións, con aumentos salvaxes no aproveitamento lucrativo do chan, e agora vai aprobalo facendo trampas, de costas aos grupos da corporación, de costas á cidadanía e poñendo a Ourense nun futuro urbanístico incerto, inseguro, problemático e ilegal”, aseguraba o portavoz da formación, Martiño X. Vázquez.
Para o edil, o Partido Popular busca aprobar o PXOM “en solitario e con todos os informes en contra”, e apuntan a Cudeiro como “o gran responsable de que Ourense teña a día de hoxe un plan do ano 1986”, xa que tamén era concelleiro, no goberno de Manuel Cabezas, cando a xustiza tumbara o plan de 2003. Critica, ademais, que o concelleiro popular secuestre o debate plenario ao prescindir “dos informes da Secretaría e a Intervención municipal” para aprobar o Plan “a porta pechada”.