Será durante as xornadas de novela histórica.

Santiago Posteguillo presentará “Yo Julia” en Verín

O premio Planeta Santiago Posteguillo pronunciará a conferencia central das II Xornadas de Novela Histórica de Verín, o vindeiro sábado, día 30 de marzo, ás 19:30 horas no Auditorio Municipal de Verín. Nela explicará as claves da creación e do éxito da súa última novela, “Yo, Julia” coa que precisamente acadou o seu máis recente éxito editorial.
Seguidamente, ás 20:10 horas, Santiago Posteguillos participará na Mesa redonda “Novelas históricas sobre la Hispania romana”, con Margarita Torres, Francisco Narla e moderada por Antonio Piñero.

As segundas Xornadas de Novela Histórica terán lugar os vindeiros 29 e 30 de marzo, e contarán coas primeiras plumas deste xénero literario, coma serán Santiago Posteguillo (actual Premio Planeta), José Luis Corral (Premio das Letras Aragonesas no 2018), José Calvo Poyato (Premio á mellor novela histórica pola súa obra “El espía del rey”), Margarita Torres, Francisco Narla e Alejandro Corral.
Ademais, coma novidade, este ano as II Xornadas estarán amenizadas polo trobador/luthier e investigador Emilio Arias, que interpretará un repertorio de cantigas, no inicio e ao final de cada unhas das intervencións con instrumentos da súa feitura, sempre fieis aos reais.

Así mesmo, e para unha maior difusión do evento, creouse unha web onde se inclúe información dos relatores así como o programa completo destas II Xornadas de Novela Histórica, que se pode consultar na seguinte ligazón: http://www.novhis.bibliotecadeverin.es/

Resaltar que as librerías de Verín: Az, Pica Pica, Monterrei, Rincón del Libro, Carlín e Papiro, colaborarán co evento dispoñendo nos seus establecementos tanto da información do mesmo como das obras de tódolos relatores, que igualmente terán venda de libros os días das xornadas no propio Salón de Actos da Casa da Cultura, para que o público poda adquirilos e solicitarlle aos distintos autores que llo adiquen.