Luis Seara, candidato á alcaldía polo BNG, trasladouse até as inmediacións da Ponte do Milenio para contemplar o estado das infraestruturas após as reformas levadas a cabo en 2015 e a cesión da mesma ao Concello por parte da Xunta de Galiza. Na visita, denunciou o estado “deplorable” no que se atopaba a ponte e a pasarela.
A Ponte inaugurouse en setembro de 2001 para liberar o tráfico da Ponte Romana de Ourense para a súa conservación. A súa construción tardou dous anos en realizarse e nun principio a titularidade era da Xunta. O Diario Oficial de Galiza publicaba en 2015 a licitación das obras de reparación da Ponte do Milenio que levarían un investimento de preto de 585.000 euros. A Xunta e o Concello, asemade, firmaron un convenio para acondicionar estas infraestruturas e formalizaron a cesión destas ao goberno local.
Asemade, na Orde Circular 35/2014 sobre criterios de aplicación de sistemas de contención de vehículos sinala que “non poderán repoñerse en ningún caso con soportes IPN ou similares”. O documento, no punto catro de recomendacións sinala que “en todo caso prohíbese a utilización de sistemas que empreguen os soportes con perfís IPN ou similares, aínda cando sobre estes se dispuxesen sistemas de protección de motocicletas”.
“Hai unha varanda que é un elemento de contención e que incumpre a normativa para este tipo de elementos” sinala o candidato á alcaldía. Continúa afirmando que estes perfís IPN onde apoian as varandas actúan “como auténticas coitelas no caso de que un motorista se deslice polo chan”.
Asemade, tamén indica o candidato que hai un desnivel cara abaixo por onde pasan os peóns.
“Dende o BNG pensamos que é unha cuestión que habería que darlle unha solución inmediata. É unha mágoa que se perdera un tempo precioso cando se fixo a reforma” asegura o candidato, Luis Seara.
Un desprazamento da pasarela súmase ás deficiencias das inmediacións da Ponte do Milenio. Dende o BNG piden que os técnicos do concello se acheguen até a ponte e fagan unha inspección ocular para “saber se é seguro ou ten algún perigo para a cidadanía” finaliza Luis Seara.