Iván Olmos, En Marea

“Levamos a Galicia na cabeza e no corazón”

Iván Olmos Ferreiro de 24 anos, natural Xinzo de Limia, graduado en Comunicación Audiovisual e autónomo, participou no movemento estudantil como representante na xunta de facultade e no claustro da Universidade de Santiago de Compostela, así como membro da candidatura veciñal de Xinzo Adiante dende 2015 e dende 2016 en En Marea

Que propostas levará vostede ao Congreso para mellorar a situación da provincia de
Ourense?
Iván Olmos: «Unha das nosas principais propostas será a aprobación dun plan estatal para incentivar o retorno da mocidade migrada, unha provincia envellecida como a nosa que ademais é a segunda que mais poboación perde en todo o estado. Precisamos tamén blindar os servizos públicos de proximidade no rural e negociar investimentos para o establecemento de infraestruturas que axuden a vertebrar o noso país ( ferrocarril de cercanías, autovía Lugo-Ourense…) tamén loitaremos pola aprobación da educación infantil de 0 a 3 pública, gratuíta e universal. A protección dos nosos sectores productivos especialmente o sector agrogandeiro. A derogacion das dúas reformas laborais e a defensa dos servizos públicos ante as privatizacións, entre oitras moitas cousas. Temos un contrato coa cidadanía construido pola boa xente da marea».

Por que cre que a súa opción política beneficia á nosa provincia?
I.O.: «En primeiro lugar, porque nos presentamos sen ningún tipo de tutelaxe nin dependencia agás o noso propio compromiso coa cidadanía. Porque somos unha candidatura formada por xente con problemas reais que vén da sociedade civil e polo tanto son os que mellor poden defender os problemas da xente real. Porque levamos a Galicia na cabeza e no corazón. E porque vimos demostrando ,a diferencia doutras formacións políticas, que un dos nosos principais valores é a coherencia e o compromiso ético».

E como beneficiará ao estado en xeral?
I.O.: «Nós actuaremos como muro de contención perante as dereitas do estado para recuperar liberdades públicas e dereitos que nos foron arrebatados nos últimos anos. Queremos que Galicia estea presente na gobernabilidade do estado pero queremos facelo dende aquí e sen entregar un cheque en branco ao PSOE e a Podemos. Prometemos contribuír a ampliar liberdades pública e dereitos sociais para todo o estado sen renunciar a sumar para Galicia».