O próximo 28 de abril os ourensáns que decidan participar nas eleccións xerais terán que escoller qué papeleta introducir na urna entre os 13 partidos que buscan representar á provincia no Congreso e 12 deles no Senado.
– Entrevista a Ana Belén Vázquez, PP
– Entrevista a Begoña Conde, VOX
– Entrevista a Iago Tabarés, BNG
– Entrevista a Inés Iglesias, Cs
– Entrevista a Iván Olmos, En Marea
– Entrevista a Ledicia Piñeiro, Unidas Podemos
– Entrevista a Marina Ortega, PSOE
– Entrevista a Rafael Manuel Fernández, PUM+J
– Entrevista a Sara Corral, CxG
Están en xogo catro representantes ourensáns para cada unha das Cámaras. Nas anteriores eleccións, o Partido Popular acadou tres dos deputados en xogo, o outro foi para os socialistas, co mesmo resultado en canto a senadores.
Logo dun goberno en minoría do PP e unha moción de censura que situou a Pedro Sánchez na Moncloa os últimos oito meses, chegan unha eleccións anticipadas por falta de acordo. Pero, do mesmo xeito que a situación nas Cortes foi axitada nestes anos, o panorama político tamén foi mudando dende o 2016, e agora entre as formacións que loitan polo voto dos ourensáns figuran novas siglas que buscan o fin definitivo do bipartidismo tamén no reparto de escanos na nosa provincia.
Novas opcións que veñen para quedarse. De feito, algunhas delas semella que terán importancia a nivel estatal e poderán acabar formando ou decidindo o goberno e, polo tanto, tamén o futuro da nosa provincia.
Así mesmo, o 26 de maio, haberá eleccións municipais e qué mellor termómetro que os comicios xerais para que todos os partidos vaian tomando nota.
E para que os nosos lectores decidan ou confirmen o sentido do seu voto, achegámoslles un sinxelo cuestionario que trasladamos a todos os partidos que se presentan por Ourense.
É preciso aclarar que a candidata ao Congreso de Recortes Cero, Estrella Mo, lamentablemente non puido atendernos, e que non demos localizado aos de PACMA e do Partido Comunista dos Traballadores de Galicia (aos que lles mantemos aberto este medio para dar a coñecer as súas propostas). Pola súa banda,Vivir Ourense (VOU) rexeitou contestar ás nosas preguntas.
A nosa intención é amosarlle aos ourensáns as ideas das distintas formacións para mellorar a situación da provincia. Impostos, traballo, medio rural… moitos son os asuntos importantes. Xulguen vostedes.