Jorge E. Bóveda achéganos á súa obra Eternos propietarios, que recibiu o premio de novela de Edicións Do Peirao.
O escritor ourensán Jorge E. Bóveda e unha das súas creacións volven ser noticia. Nesta ocasión porque a súa obra Eternos propietarios vén de recibir o premio de novela de Edicións Do Peirao. Toda unha (merecidísima) sorpresa para Bóveda, que nos confesou algunhas raíces da súa inspiración.
Eternos propietarios acadou o premio de novela Do Peirao. Xa tiñas a novela escrita ou fixéchela para presentala ao premio?
Jorge Emilio Bóveda: “Era unha obra das moitas que teño inéditas. Moitos abráianse da miña produción literaria porque asocian cada libro cun proceso previo á publicación e moitas veces non é así. Escribo con certa frecuencia e, se escribes tan só dúas páxinas diarias durante décadas, podes chegar a amorear unha obra enorme. O que non quere dicir que sexan todas boas nin publicables, pois iso é outro cantar. É todo o resultado dun proceso máis ou menos constante de formiguiña, suxeito a un plan de traballo moi concreto e pensado”.
Edicións Do Peirao é a encargada de sacar a obra á luz e poñela á venda. Onde se pode mercar?
J.E.B.: “Penso que a distribución estase a facer polas canles habituais e pódese atopar en calquera libraría”.
Foi unha sorpresa acadara o premio?
J.E.B.: “A verdade é que si. Non son un escritor de premios. Sinceramente mandeino porque aceptaban arquivos dixitais en PDF e para probar sorte e conseguir que alguén palmeara un pouco as costas deste escritor silencioso”.
Fálanos un pouco de Eternos propietarios. Que vai atopar o lector?
J.E.B.: “É unha novela humana sobre relacións humanas que se establecen entre os humanos que habitan unha comunidade de propietarios, coas súas miserias e os seus avatares agridoces non exentos de crítica. Aínda que non é so iso. Chega un momento na lectura que o libro sofre unha metamorfose literaria. Este xiro explícase porque son un autor bastante influenciado polos xéneros literarios, que non un escritor de xénero”.
Nas túas novelas hai moita crítica á sociedade na que vivimos; mostras as dúas caras –a boa e a mala do ser humano-. Estás cómodo escribindo con crítica social e algo de humor, quizáis negro, quizáis mordaz?
J.E.B.: “Si, é o que me sae case a nivel inconsciente, con todo o peso da palabra “inconsciente”, todas as lecturas que fago, porque son tan lector como escritor, desembocan nese tipo de escrita, e estou algo abraiado porque ás veces decátome de que non é premeditado, que sae así case coma un ente autónomo. Aparte, penso que herdei a retranca da miña familia paterna e, queiras que non, esa ironía sempre está aí disposta a aparecer ata cando escribo”.
No fallo do premio compárana con La borra del café de Benedetti ou Manhattan Transfer de Dos Passos. Que supón para ti?
J.E.B.: “Pois supón sorpresa pola parte de Dos Passos que nunca lin, xa que a Benedetti si que o teño lido. A comparación co Manhattan Transfer supoño que responde a que a literatura sempre pivotou e pivotará sobre os mesmos piares, polo que non é difícil topar semellanzas en obras cuxos autores se descoñezan mutuamente. O que non exclúe que me sinta agradecido por tan esaxerada comparación”.
Xa estás pensando na próxima?
J.E.B.: “Como che dixen, escribo diariamente, tentando dotar dunha certa coherencia a toda a miña obra, que se pode clasificar en ciclos vitais aos que lle teño nomes secretos, pero que non che vou contar porque quizais se me antolle contextualizalos doutro xeito mañá ou pasado. O que si che podo dicir é que tento facer literatura con todas as miñas influencias como lector, cos xéneros populares aos que tan apegado estiven dende neno, coa vista centrada nos problemas sociais que nos apertan e coa ironía inherente. O que saia de todo iso non sei se será ou non auténtica literatura, pero estou seguro de que é parte de min, ou eu mesmo directamente. O tempo xa falará e, se cala, quizais outorgue, e se non outorga tanto ten porque non estarei para velo”.