A Denominación de Orixe Monterrei organiza a acción «Curso sobre chans vitícolas», co fin de mostrar a importancia do chan e terroir, o seu estudo e o manexo do mesmo.
Este curso gratuíto está destinado a un máximo de 20 persoas, e terá lugar nas xornadas de:
– 26 de abril: 1ª sesión (18.00 a 21.00 horas).
– 27 de abril: 2ª sesión (10:00 a 13:00 horas).
No mesmo presentaranse cuestións como: o terroir como unidade de análise en viticultura, chan vs terroir, factores de calidade, chans vitícolas, variabilidade vertical e horizontal, mapas de xestión e de execución, manexo do perfil ou propiedades químicas e físico-químicas, entre outras.
Esta acción formativa será impartida por Vicente Gómez Miguel, doutor enxeñeiro agrónomo e profesor da Universidade Politécnica de Madrid, que conta con numerosas publicacións sobre chans vitícolas, así como dirección de máis dun centenar de congresos e seminarios sobre esta materia. A mesma realizarase na sede da DO Monterrei (Avda. Luís Espada, 73 Baixo). «Neste curso formativo centrarémonos en coñecer os distintos tipos de chan, e como os mesmos inflúen no produto final», manifesta a presidenta do Consello Regulador, Lara Dá Silva, «sen dúbida coñecer a nosa terra e as súas distintas posibilidades axudaranos na procura dunha maior singularidade dos nosos viños».
Para poder asistir ao curso será necesario inscribirse previamente na sede do Consello Regulador (Tlf. 988 590 007 // Correo electrónico: info@domonterrei.com). A inscrición realizarase por rigorosa orde de entrada.