As lapas arrasaron co complexo en poucos minutos.

Arde o complexo das Termas da Chavasqueira

Que o parque de bombeiros ourensán estea preto do Balneario da Chavasqueira non foi obstáculo para que as lapas arrasaran con todo o complexo. A súa estrutura de madeira fixo que en poucos minutos quedara todo calcinado. Isto sumado a que o incendio orixinouse á unha e media da madrugada do mércores, 24 de abril, fixo que apenas houbera testemuñas cando deu comezo (un operario e un veciño foron os primeiros en alertar). A rápida propagación das lapas fixo que os bombeiros se centraran en evitar que estas se espallasen ás construcións colindantes. Non houbo que lamentar danos persoais. Policía Nacional, Protección Civil e Policía Local estiveron, xunto aos bombeiros, traballando durante toda a noite.
A Policía Nacional agarda a que se asegure a zona para dar comezo as pesquisas que leven aclarar o motivo do incendio. A zona está acordonada por perigo de derrube da estrutura calcinada.

Reaccións
Ata a zona do sinistro acudiron varios dos políticos da nosa cidade que están en plena campaña electoral.
O candidato á alcaldía por parte do PSOE, Rafael Villarino, anunciou que pretende constituir un «consorcio co Goberno central» para recuparar a Chavasqueira. “Partindo desta traxedia imos crear unha nova e gran área termal na Chavasqueira, pero tamén imos desenvolver un novo plan termal para toda a cidade” dixo o candidato socialista.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, que tamén se achegou á zona -xunto ao alcalde- cualificou o suceso de “terrible noticia” e garantiu o apoio da Deputación para que «volvan ser un emblema da capital termal de Galicia».
Pola súa banda, o alcalde -Jesús Vázquez- declaraba que é «un día terrible para a cidade» e animaba a «traballar todos xuntos» para recuperar «isto e máis”. O alcalde anunciou a creación dun grupo de traballo para sumar esforzos entre as diferentes administracións para recuperar canto antes o servizo.

Incendio
Tres unidades de bombeiros traballaron durante a pasada madrugada nos labores de extinción das chamas do incendio. Os bombeiros foron avisados por parte dun traballador do complexo termal que estaba realizando labores de mantemento. Os equipos de extinción achegáronse de forma inmediata con dúas dotacións compostas por 12 traballadores e dous vehículos.
Até a zona do sinistro desprazáronse tres unidades, cun total de 11 bombeiros que estiveron loitando contras as lapas entre as 01:30 horas e as 03:30 horas. Unha desas unidades, composta por cinco bombeiros, mantívose na zona até as 05:30 horas, refrescando o terreo para evitar unha reactivación do lume.
Ademais, reforzouse o servizo con outros cinco traballadores que estiveron en reserva nas instalacións do Parque de Bombeiros, por se era precisa a súa actuación.
Os danos son cuantiosos porque se trata dun edificio de madeira que, segundo os responsables do Corpo de Bombeiros, quedou totalmente destruído. Non hai que lamentar danos persoais, xa que o lume iniciouse a altas horas da madrugada.