A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín abre o prazo de tramitación das solicitudes de inscrición dos mozos, de 9 nove e 17 anos, interesados en participar na campaña de Verán 2019, que promove nos meses de xullo, agosto e setembro a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
A través da oferta desta campaña ofrécese á mocidade a posibilidade de empregar o seu tempo de lecer en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actuacións que teñen lugar noutras comunidades autónomas de España.
As persoas participantes disporán dos seguintes servizos:
– Programa de actividades de carácter sociocultural, recreativo, formativo e convivencial, que posibilite a participación da/o moza/o.
– Aloxamento en albergue xuvenil, residencia xuvenil ou campamento xuvenil.
Manutención en réxime de pensión completa.
– Material necesario para a actividade.
– Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural e actividades de tempo libre e actividades náuticas, se é o caso. Así mesmo, e para o caso das persoas con necesidades especiais que por razón da súa discapacidade precisen apoio, disporase de persoal que conte con formación e experiencia para atender as súas necesidades.
– Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.
– O transporte desde Santiago de Compostela, ou lugar que se sinale como punto de saída, ata o lugar de destino, así como o retorno ata Santiago de Compostela, nas actividades desenvolvidas noutras comunidades autónomas.
Prezos
Os prezos, dependendo do lugar elixido e se está dentro ou fóra da comunidade galega, oscilan entre 100 e 300 euros. Os membros de familia que teñan o título de numerosa e familias monoparentais terán un desconto de 50%, e para as persoas usuarias do carné xove o desconto é do 25 %. Devanditos descontos, en ningún caso, serán acumulables.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 7 de maio de 2019. Máis información na Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Verín (OMIX), situada na Casa da Xuventude (Avenida de Portugal, 11 bis). Tfno. 988414776, ou no DOG Núm. 76 do 8 de abril de 2019.