O pianista Josep Colom e a prestixiosa clarinetista Ona Cardona serán os protagonistas da vindeira cita do ciclo de música Enclave de Cámara, este xoves 2 de maio, no Teatro Principal desde as 20 horas, con entradas entre 5 e 8 euros.
Entradas online á venda en www.ataquilla.com e na billeteira do teatro dende dúas horas antes do espectáculo.
Interpretarán as sonatas da Op.120 de Johannes Brahms, obras mestras coas que o compositor alemán culminou a súa traxectoria. Inspiradas polo clarinetista Richard Mühlfield e cun arrecendo a romanticismo sereno, contrastan co tormento das fantasías de Robert Schumann e co lirismo das romanzas orixinais para violín de Clara Schumann, que tamén interpretarán no Teatro Principal de Ourense.