O mércores 1 de maio, como vén sendo habitual desde os anos oitenta, a praza da Alameda de Verín acollerá a tradicional Festa dos Maios. Este ano, a praza García Barbón acollerá tamen a cuarta edición da Feira Solidaria de Verín que contará coa participación de trece entidades sen ánimo de lucro, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.
Festa dos Maios
Desde as 11 horas, e até as 20 horas, está prevista a exhibición dos maios tradicionais e artísticos confeccionados polo Colexio Privado Plurilingüe María Inmaculada, o Colexio Apostólico Mercedario, o CEIP Princesa de España, o CEIP Amaro Refojo e o CRA Monterrei; e pola Asociación de Mulleres Rurais Flor da Xesta, a Asociación de nais e pais de alumnos e alumnas do Conservatorio de Verín, o Centro de día de Verín Raiola e, como xa vén sendo habitual neste Certame en lembranza da persoa que recuperou a tradición dos Maios en Verín, da Asociación Verinense de Amigos da Música.
Ás 12 horas, comezarán as tiradas para adultos do Trofeo de Chave Ricardo Soto, de inscrición libre até o comezo da proba. Ás 12:30 horas sairá da praza do Concello a Banda de Gaitas do Concello de Verín. O pasarrúas rematará na Alameda cun concerto ás 13 horas.
Durante a programación dos festexos e até primeira hora da tarde haberá na Alameda un posto de polbo e animación musical a cargo dunha charanga. O pan é o viño serán gratuítos, ao estaren subvencionados, como é habitual desde os anos oitenta, polo Concello de Verín.
Desde as 11 horas da mañá estarán á venda as coplas do Certame Enrique Gómez Pato, editadas polo Concello de Verín. O exemplar venderase a 1 euro. O diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinaranse ao financiamento de programas de asistencia social da Cruz Vermella na nosa comarca.
Tamén no marco desta celebración, o 30 de abril – as 19:30 horas- terá lugar no Salón de Actos da Casa da Cultura a conferencia “Os maios de Gómez Pato”, impartida por Plácido Romero Bernardo e organzada pola Biblioteca Municipal de Verín.
IV Feira Solidaria de Verín
A praza García Barbón acollerá tamén o vindeiro mércores 1 de maio a cuarta edición da Feira Solidaria, organizada polo Concello de Verín. Esta iniciativa, que pretende poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro participantes, contará cun total de trece entidades, que ofrecerán todo tipo de produtos e/ou servizos con fins solidarios.
Entre os obxectivos da Feira Solidaria atópanse, recadar fondos para os colectivos máis desfavorecidos da comarca de Monterrei, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e dos servizos que ofrecen, conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores e colaboradores.
Ás 10 horas, terá unha andaina Solidaria organizada polo Concello de Verín e o Clube Sendeiristas de Monterrei, en beneficio de Cruz Vermella Monterrei. O percorrido, que será de 13 quilómetros, comezará na Praza da Mercé (oficina de Cruz Vermella), e discorrerá por Queizás, o Castelo de Monterrei e A Pousa, para rematar na Praza García Barbón de Verín. As inscricións terán un prezo de 5 euros, correspondentes a adquisición dun boleto do Sorteo de Ouro da Cruz Vermella, que poderá adquirirse en Ferretería Lucas (rúa Galicia, 6.) ou na propia Oficina de Cruz Vermella Monterrei (Praza da Mercé, 16).
O horario de apertura dos Stands da Feira Solidaria será de 10 a 20 horas. Nesta edición participarán as seguintes asociacións: Cruz Vermella Monterrei, Aires Nosos, Sendeiristas de Monterrei, Proanimales Verín, Asociación de Empresarios e Empresarias de Verín (Aever), Asociación de discapacitados de Verín (Adisve), Asociación do Cigarrón, Caixa de Pandora, Agrupación de Música Tradicional Candaira, Flor da Xesta, Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), Asociación Galega contra o Cancro e a Asociación de nenas e nenos e xente nova con diavetes de Galicia (Anedia).
Entre as 11 a 20 horas, o Concello de Verín instalará na praza García Barbón, en colaboración con Aever e Saudeter, varios multixogos inchables. A entrada solidaria para esta actividade será de 1 euro.
Pola tarde, entre as 16 e as 20 horas, a praza García Barbón acollerá unha completa xornada de actividades lúdicas populares.