Un cento de mulleres desempregadas de Ourense están a formarse no programa integrado Impulsa-T. Trátase dun dos programas autonómicos específico para mulleres que desenvolve a entidade ourensá CIMO co apoio da Xunta, tal e como destacou a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, na visita que realizou ás alumnas desta iniciativa que se están a formar en técnicas de venda. Outras das alumnas están a recibir cualificación para poder traballar como auxiliares en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.
Entre as accións formativas que ofrece Impulsate-T inclúense as centradas no manexo de internet, iniciación en ofimática e inglés para atención aos clientes. O Programa Integrado de Emprego tamén programa accións encamiñadas a avanzar no desenvolvemento persoal, social e laboral do alumnado e sesións de orientación laboral.
O compromiso adquirido de inserción laboral para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna e que rematará en novembro deste ano, é dun 45%.