O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, informou en Bande do convenio entre a Consellería de Economía, Emprego e Industria e este concello para a construción dunha infraestrutura que permita, posteriormente, tomar as mostras necesarias que determinen se as augas termais que se atopan na beira do encoro das Conchas teñen a consideración de mineiro medicinais.
Cun orzamento de 100.000 euros, os traballos consistirán na realización dunha sondaxe de explotación de 34 metros de profundidade, a creación dunha zona estanca e a construción dunha arqueta conectada a unha tubaxe que levará as augas termais a unha sala de mostras.
Esta infraestrutura permitirá, posteriormente, a realización de analíticas para coñecer o potencial real destes recursos hidroxeolóxicos e a súa capacidade de aproveitamento coa finalidade da posta en valor, explotación, fomento do turismo termal sostible na zona e, polo tanto, a dinamización económica do concello.
Son necesarias analíticas mensuais durante un total de 12 meses para concluír se as augas teñen propiedades mineiro medicinais e, polo tanto, saber se poden ser obxecto de explotación no futuro. Neste sentido, o director xeral lembrou que para que as augas obteñan esta consideración deben producir beneficios na saúde humana, polo que xunto coas analíticas debe presentarse un informe dun médico especialista en hidroloxía e un informe hidroxeolóxico (que será remitido ao Instituto Xeolóxico Mineiro de España) que se é favorable permitirá á Xunta outorgar a súa declaración.