Luz Doporto Real leva 12 anos na formación popular. Concelleira desde 2007 busca, por segunda vez, facerse coa alcaldía de Allariz.
Defina a situación actual de Allariz.
Luz Doporto: “A palabra é paralise. Atópase nunha situación crítica afogada pola enorme débeda que arrastra en torno os catro millóns de euros debida á mala xestión do BNG”.
Cal é o principal problema que ten?
L.D.: “Como dixen, a débeda, iso condiciónao todo, falta de mantemento nas infraestructuras municipais, falta de inversión, falta de planificación, de programas de desenrolo económico, etc. O proxecto do Bloque está esgotado”.
Cal sería a medida máis importante que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
L.D.: “A posta en marcha dun programa de asfaltado de todas as estradas municipais e os núcleos de poboación,. A xente esta farta de parcheos. E temos que completar o saneamento de vivendas do rural. Os pobos de Allariz sofren unha situación de abandono que non se corresponde cun concello Reserva da Biosfera coma o noso. A desigualdade dos veciños dos pobos respecto aos que vivimos na vila é abismal. En 30 anos de goberno nacionalista non se mirou para eles, salvo contadas actuacións. Tamén acometeremos o cambio de luminarias a led en todo o termo municipal”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
L.D.: “A medida máis importante é que Chorente, o noso parque industrial, se encha de empresas e os alaricanos poidan traballar e vivir en Allariz. Tendo traballo pódese invertir e mercar para facer crecer a nosa economía. Hai que dar un novo pulo ao noso comercio, consolidando o proxecto Outlet que últimamente está parado, buscando e traendo grandes firmas. E traballar en colaboración con outras administración para desenrolar o noso turismo cultural. Xa está aí o próximo Xacobeo 2021 e o BNG nunca fixo nada por impulsar o noso ramal do camiño de Santiago”.
Como definiría a lista do PP en Allariz?
L.D.: “Como una lista capaz e comprometida. Quería a profesionais dos sectores culturais, patrimoniais, empresariais e económicos para gobernar, coa tranquilidade de que todo o que propomos está estudado, meditado e desexando ter a oportunidade de lévalo a cabo”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
L.D.: “Nós traballamos para gañar e gobernar. Nese hipotético caso, eu pactaría programa, e o que mellor resolvese as necesidades dos veciños”.