O socialista Xosé Carlos Valcárcel é alcalde de Barbadás dende 2015, en coalición co BNG.
En que mellorou Barbadás nestes catro anos?
Xosé Carlos Valcárcel: “En servizos básicos coma o abastecemento e saneamento, recollida de lixo, limpeza viaria e alumeado, fundamentalmente no rural. Houbo melloras importantes na pavimentación de viais, eliminación da berreiras arquitectónicas, e destaca a mellora dos parques. Ademais, avanzamos na defensa do comercio e da igualdade, e hai unha gran oferta cultural e deportiva”.
Como definiría a situación actual de Barbadás?
X.C.V.: “É un concello xoven, moderno e dinámico onde o comercio local ten gran relevancia. Estamos implantando medidas de xustiza social, reequilibrio entre as parroquias e A Valenzá, fomentamos a igualdade e potenciando os servizos sociais”.
Cal é o principal problema que ten?
X.C.V.: “Resulta imprencindible incrementar o número de prazas en Educación Infantil (0 a 3 anos), contar cun Centro de Día para maiores, e un Instituto de Ensino Secundario”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
X.C.V.: “Queremos seguir apoiando desde o Centro Empresarial Transfonteirizo as iniciativas dos emprendedores que se queiran establecer en Barbadás. Un traballo que vai acompañado de cursos formativos. E tamén é moi importante seguir potenciando o comercio local coas iniciativas do actual goberno municipal”.
Como definiría a lista do PSOE en Barbadás?
X.C.V.: “Veciños e veciñas preparados para dirixir un concello moderno e progresista, tendo presentes as inquedanzas dos maiores. Comprometidos coa defensa das liberdades individuais e que apostan pola igualdade”.
E a irrupción da nova formación Espazo Común?
X.C.V.: “Non ten outra finalidade que a de tentar impedir un goberno progresista. É un grupo que representa as vellas políticas que teñen que ser definitivamente desterradas de Barbadás”.
Pactaría, cos nacionalistas ou con algún outro partido, para gobernar?
X.C.V.: “Estamos dispostos a gobernar con aqueles que respecten principios básicos e irrenunciables como a democracia, o progreso, a igualdade social, o feminismo e a loita contra o caciquismo e a corrución”.