José Luis Ferro leva á fronte da alcaldía de Celanova dende outubro de 2012, cando tomou o bastón de mando de Mouriño cando este deu o salto ao Parlamento galego. En 2015 revalidou a maioría dos populares e agora busca, cunha lista renovada e persoal, manter a confianza dos veciños.
En que mellorou Celanova nos últimos catro anos?
José Luis Ferro: “Maior oferta deportiva, máis e mellores infraestruturas relacionadas co alumeado, aforro enerxético, accesibilidade e seguridade cidadá, ademáis do saneamento e abastecemento en varios núcleos rurais. A promoción turística está dando os seus froitos gracias a unha atención de calidade aos visitantes. Tamén cabe destacar a consecución dunha programación estable no auditorio para todos os públicos e a colaboración estreita coa asociación de comerciantes Celanova CHEA. Todo isto axudou a que a diminución endémica da poboación que se dá na nosa provincia, non se producise no noso Concello, aumentando o padrón de habitantes”.
Como definiría a situación actual de Celanova?
J.L.F.: “Mellor que hai catro anos. Non obstante somos conscientes que temos moito que traballar a nivel de comercio, promoción e dinamización empresarial, desenvolvemento rural e fixación de poboación. O noso programa é ilusionante e de futuro”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nestes catro anos?
J.L.F.: “Non temos só unha medida: temos un proxecto global pensado para todos. Para a xente maior, o rural, os retornados, a mocidade, os nenos, os comerciantes e os emprendendores. Faremos que sexa realidade unha nova residencia xeriátrica, unha piscina climatizada (para a que contamos co apoio da Deputación e a Xunta) e medidas concretas para a fixación de poboación”.
Que propostas ten para a dinamización económica do Concello?
J.L.F.: “Continuaremos apoiando de forma clara o comercio local, xa que somos unha vila eminentemente comercial. Estamos na última fase de aprobación da ampliación do polígono industrial. Bonificaremos fiscalmente ás empresas de nova creación que xeren postos de traballo para os nosos veciños. Incentivaremos a pobación no rural e para elo eliminaremos diversas taxas municipais á hora de adquirir e/ou rehabilitar unha vivenda. E seguiremos mellorando a oferta turística e cultural establecendo lazos de colaboración con concellos de Galicia e co Norte de Portugal”.
Como definiría a renovada lista do PP en Celanova?
J.L.F.: “Non só renovada, é unha lista de xente nova. A media de idade é de 42 anos. Con todo, aúna persoas con diferentes perfís profesionais e con acreditada capacidade de xestión, mantendo xente con coñecemento do día a día do Concello e caras novas que aportarán ideas renovadas”.
E como valora a aparición dunha nova formación (Celanova Decide)?
J.L.F.: “É parte do xogo democrático. Non obstante, nós estamos centrados en Celanova, na súa cidadanía e no noso proxecto. Non vou entrar a valorar a existencia de novas formacións, dos seus integrantes e moito menos das causas e intereses que as motivaron”.
De non manter a maioría, pactaría con outro partido para gobernar?
J.L.F.: “Se por algo me caracterizo, como saben os meus veciños, é pola miña cercanía, capacidade de diálogo e consenso. Aínda así non contemplo ese escenario”.