Como definiría a situación actual de Verín?
Domingo Otero: “Deprimente, en clara recesión económica, e sen luz no horizonte”.
Cal é o principal problema?
D.O: “Que ten pouco atractivo para fixar e aumentar poboación: polas constantes e esaxeradas subidas de impostos, polos nulos ou escasos incentivos a autónomos, pemes ou proxectos industriais, por falla de axudas a iniciativas agrícolas e gandeiras, pola inseguridade e ausencia de alternativas para o lecer xuvenil”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
D.O: “Dúas medidas fundamentais: dinamizar os polígonos de Tamagos e Pazos facilitando chan e incentivos como se fai en Portugal; e a creación dun Centro Xuvenil para o aproveitamento de lecer e desenrolo das ideas que presenten as distintas asociacións xuvenís que se formen ao redor deste proxecto”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
D.O: “Redución real de impostos e taxas. Facilitar chan industrial a empresas que garantan postos de traballo directos e indirectos priorizando residentes do Concello de Verín. Incentivos a autónomos e pemes. Axudas económicas a proxectos de explotación agrícola e gandeira”.
Como definiría a lista do VOX que vostede lidera?
D.O: “A lista de VOX formouse con persoas sinxelas, dinámicas, colaboradoras e preocupadas pola actual situación de Verín”.
Cal é a razón pola que VOX se presenta en Verín?
D.O: “Porque a xente de VOX quere achegar o seu gran de area neste val, porque sentímonos verineses, galegos, españois e europeos, e porque queremos resolver os problemas e mellorar o futuro do noso Verín. VOX quere dar resposta ás cuestións de sentido común que habitualmente expoñen os nosos veciños”.
Pactaría con algún partido para gobernar?
D.O: “Esperamos conseguir a confianza dos veciños para poder gobernar e de non ser así faríamos unha oposición construtiva apoiando todas as ideas e proxectos que sexan boas, positivas e razoables, veñan do partido que veñan”.