O empresario ourensán será o candidato de Compromiso por Galicia nos comicios do 26 de maio.
Como definiría a situación actual de Ourense?
Tino Iglesias: “Nun parón absoluto, e iso dóeme. Ese foi o motivo que me moveu para presentarme como candidato de Compromiso por Galicia a estas eleccións. Este últimos catro anos foron os peores da historia recente en Ourense”.
Cal é o principal problema?
T.I.: “O principal problema de Ourense foron os políticos que gobernaron nos últimos anos. Ese é o gran problema e este domingo 26 temos a oportunidade de solucionalo votando outras opcións, sentando a PP e PSOE no banco por ineptos e egocéntricos e dando a oportunidade a xente que, como eu e os meus compañeiros de candidatura, queremos traballar duro e en positivo por esta cidade”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo?
T.I.: “O apoio á cidadanía en todos os ámbitos.Só CxG pode asegurar que vai baixar impostos que afectan directamente ao peto de todos os cidadáns. Só CxG pode asegurar que vai axudar economicamente aos autónomos, tanto aos que inician actividade como aos que levan anos soportando estoicamente esta crise na que nos meteron PP e PSOE. Imos apostar polo emprego e apoiar ás familias ourensás que necesiten a nosa colaboración. Axudar aos pequenos empresarios que cando piden axudas á Xunta ou ao Estado sempre acaban caendo polos buratiños dos filtros que lles pon e nunca conseguen respaldo. Todos eles son a nosa medida estrela: as persoas.
Cada Concellaría funcionará perfectamente apoiada nos grandes funcionarios deste concello, garantindo unha atención exquisita aos cidadáns. Haberá convocatoria de emprego público, máis efectivos de policía local, máis bombeiros, máis medios para ambos, garantiremos a seguridade cidadá e o benestar dos nosos maiores.
Ademais, converteremos a Ourense no centro neurálxico de congresos e eventos do noroeste peninsular. Ourense será a capital do benestar en todos os sentidos. Queremos que cando se fale en España de calidade de vida todo o mundo pense en Ourense.
Outros proxectos como a Estación Intermodal, as infraestruturas, o Plan de Ordenación Municipal, o termalismo, o noso Campus Universitario, o rural, os barrios, os espazos de lecer, todo iso está na folla de ruta de todos os partidos e cada un veo á súa maneira, pero traballaremos para limar diferenzas para alcanzar as metas comúns”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
T.I.: “En primeiro lugar conceder á Ponte o posto que lle corresponde na cidade. Nomearemos un concelleiro delegado para A Ponte, abriremos a súa Praza de Abastos e revitalizaremos todo o barrio.
Ademais, poremos en marcha un servizo de transporte aos polígonos da contorna da cidade, tanto a San Cibrao das Viñas como a Pereiro e Barreiros onde traballan moitos ourensáns e ourensás. Imos pór á súa disposición autobuses adaptándoos aos horarios maioritarios de entrada e saída ás empresas asentadas neses polígonos industriais.
Baixaremos taxas e impostos e estimularemos o asentamento de familias na nosa cidade”.
Como definiría a lista de CxG?
T.I.: “Está formada por xente que traballa, persoas que madrugan para traballar con ilusión, xente seria e positiva que se vai ocupar de resolver. A lista de CxG é unha lista multisectorial comprometida cos seus conveciños”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos?
T.I.: “É a lóxica consecuencia destes oito últimos anos. Os políticos que gobernaron metéronnos nun pozo e é por iso que apareceron persoas que, con diferente compromiso e intención, queren ser protagonistas do cambio”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar tralo 26M?
T.I.: “Pactaría para traballar en positivo por Ourense, para garantir o benestar da xente, para asegurar os proxectos que consideramos fundamentais”.