O ex alcalde de Amoeiro, Rafael Villariño, asume a responsabilidade de volver ter un alcalde socialista.
Como definiría a situación actual de Ourense?
Rafael Villarino: “Unha cidade en declive profundo, case no abismo. Unha cidade abandoada, cun alcalde que non ten responsabilidade, nin vontade, nin valor para cambiar nada. O que si ten é o atrevemento de volverse presentar tras un horror de xestión”.
Cal é o principal problema?
R.V.: “O abandono, e Xesús Vázquez, que non pode ser nin un minuto máis o alcalde desta cidade despois de catro anos dunha xestión nefasta”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo?
R.V.: “A xente quere unha cidade limpa, sen rúas levantadas, e non o que fan agora no último minuto dunha maneira patética. Como proxectos destacaríamos por un lado o “Ourense, capital da moda”, para reactivar o comercio e enraizarnos co ADN dos nosos creadores. Converter Ourense nunha verdadeira cidade termal facendo un consorcio co Estado para que efectivamente así sexa cos recursos que se precisen e deixen de ser catro charcas.
Imos pór en marcha unha circunvalación porque é a única cidade de España que non a ten, cos problemas de tráfico que todo isto ocasiona. A xente, por exemplo, tarde sete minutos máis en chegar ao hospital. E tamén recuperar os parque dos tres ríos que xa vai sendo hora”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
R.V.: “Comezaríamos coa limpeza nas rúas, pois os comerciantes quéixanse de que non teñen ningún atractivo. Crear aparcadoiros disuasorios porque a xente chega a mercar á cidade e non ten onde deixar os coches, sobre todo nos barrios. O proxecto “Ourense, capital da moda” vai ser un motor que vai incluir o grao Moda e Deseño, que atraerá a moitas persoas pois será a única cidade de España con esta titulación universitaria. Ter un plan de desenrolo -coa chegada do AVE- para todas as persoas que veñan facer turismo e mercar á nosa cidade. Que sirva de base loxística para desprazarse por ela e tamén á Ribeira Sacra, a San Ciprián de Lás, a todo o noso patrimonio do Románico, e que coñezan as catro denominacións de orixe dos viños”.
Como definiría a lista do PSOE?
R.V.: “Fantástica, con persoas competentes que se incorporan agora, profesores universitarios, xente con experiencia e con incorporacións emblemáticas como a filla de Manuel Suárez, alcalde republicano e socialista que foi fusilado no golpe de estado, que con 96 anos entra a facer política por primeira vez con gran entusiasmo”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos político?
R.V.: “Oportunistas e guiadas por intereses persoais. O único ao que xogan é beneficiarse eles mesmos”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar tralo 26M?
R.V.: “Somos unha formación de goberno, non contemplamos pactos estables con ninguén. Queremos levar adiante o noso proxecto político e os que conflúan con nós chegar a acordos sobre a base do diálogo”.