Luis Seara regresa á primeira liña política para tentar que o Bloque Nacionalista Galego volva ter representación no consistorio ourensán.
Como definiría a situación actual de Ourense?
Luis Seara: “É unha situación límite. Estamos falando dun concello paralizado, con catro anos perdidos, polo tanto urxe cambiar esta situación. Necesita novos actores con novos proxectos e, modestamente, pensamos que o BNG é un dos novos actores que se precisa para trocar o estado das cousas”.
Cal é o principal problema?
L.S: “Carece dun instrumento que lle dea seguridade xurídica. Sería absolutamente necesario aprobar o plan urbanístico e facer unha segunda exposición pública toda vez que acaban de aprobar provisionalmente o plan pola porta de atrás. A partir de acá hai que aprobar orzamentos, a cidade está nun estado de semiruina, as rúas e os parques están abandonadas, cunha sensación de deterioro e suciedade que é evidente”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo?
L.S.: “Temos moitas medidas dentro dun proxecto que distingue entre o urxente e necesario e o proxecto político máis a longo prazo.
Entre elas está o tema da estación intermodal, que non nos resignamos a tragar cunha que non resolve os problemas de permeabilidade entre os barrios do Vinteún e A Ponte.
Está a zona do Rianxo e aledaños, a praza das Burgas, o espazo do xardín das Burgas que hai que pór en valor porque é un criadeiro de ratas e cobras.
A Finca Santamariña tamén é un tema crucial onde defendemos para aí un gran parque e a zona verde que necesita Ourense.
E tamén o soterramento da avenida Otero Pedraio para permeabilizar as dúas partes do campus”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
L.S.: “Nada máis chegar ao concello imos crear unha gran mesa polo emprego onde estean representados todos os sectores sociais e económicos e, desde logo, desenvolver todas as medidas que están contidas no plan de emprego local que foi aprobado no seu día por unanimidade, pero que non se desenvolveu”.
Como definiría a lista do BNG?
L.S.: “Creo que é unha lista moi equilibrada de xente que se incorpora a política por primeira vez, mais con xente tamén con experiencia no ámbito institucional e da xestión”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccións?
L.S.: “Fala ben da democracia, pero tamén do descontento que hai xeneralizado, que cren que estes foron catro anos perdidos e o peor mandato da historia de Ourense”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
L.S.: “Hai que agardar ao que dín as urnas. Nós a única liña vermella que temos é que, se de nós depende, a dereita non vai gobernar na cidade de Ourense. A partir de aí o que fai falta é moito diálogo e consenso e moito sentido común.
En canto a Democracia Orensana, recibe votos de todos os sitios e non sei moi ben onde posiciónalo, pero desde logo que nós estamos nas antípodas dese partido, supón o ultraliberalismo a ultranza, e estamos moi lonxe desas posicións”.