Jesús Vázquez busca ser reelexido alcalde para o próximo mandato.
En que mellorou Ourense nos últimos catro anos?
Jesús Vázquez: “Os 306 millóns de euros captados nos últimos anos son reais e á vista están. Hai catro anos non había un Centro Interxeracional que é un exemplo para toda España. A Ponte Romana e do Milenio tiñan unha iluminación deficiente e o seu estado era calamitoso; hoxe están perfectamente restaurados. Os peregrinos que fan o Camiño Mozárabe non tiñan un albergue ao carón das Burgas, as cales tamén foron restauradas ao igual que a Catedral. Non tiñamos un novo edificio de Hospitalización como agora. La Molinera e o Espazo Lusquiños estaban pechados. O Couto non tiña o seu novo Centro de Saúde. A Estación Intermodal dábase por perdida e hoxe está en obras. O Complexo de San Francisco (Biblioteca e Arquivo) tiña as súas obras paralizadas sine die, e hoxe están rematadas e á espera de que por fin o Goberno Central as poña a disposición de Ourense. A situación do Museo Arqueolóxico impedía poderlle dar licenza ás obras e nós fixémolo. Non estaban arranxadas a avenida Otero Pedrayo, a estrada de Seixalbo ou os accesos ao Polígono das Coiñás. O parque da Alameda do Cruceiro era un lugar inhóspito para os cativos. A rúa Concello estaba desfeita. Ourense non tiña a mellor pista cuberta de atletismo da Península. Non había terreos para construir o CAPD en Barrocás ou a próxima residencia de maiores no Vinteún”.
Como definiría a situación actual de Ourense?
J.V.: “Ourense precisa dun goberno forte, en maioría, que sexa capaz de desenvolver o seu programa en liberdade e sen estar sometido aos chantaxes da oposición. O único goberno que se presenta cunha política baseada no sentidiño, no rigor e nas propostas en positivo é o do Partido Popular”.
Cal é o principal problema?
J.V.: “O principal problema foi a oposición que lle tocou sufrir. A oposición tivo a maioría do pleno (17 de 27 concelleiros), polo que todas as grandes decisións dependían dos seus votos. Preferiron destruir que construir. Preferiron afogar á cidade pensando que así poderían gañar votos. De aí a súa obsesión por paralizalo todo, os orzamentos, o PXOM, ordenanzas coma a do botellón ou mesmo o Pacto Social”.
Cal sería a principal medida que quere levar a cabo?
J.V.: “Co poder da maioría, aprobaremos definitivamente o PXOM para sentar as bases do crecemento da cidade. E con esa base, crearemos ata dous complexos termais na cidade (nas Burgas e na zona do Matadoiro), un auditorio ao aire libre para albergar grandes festivais, poremos en valor o río Miño, crearemos un complexo deportivo en Mariñamansa e implantaremos medidas para asentar poboación, como tarifa cero para emprendedores, bonobús gratuito e bonificacións especiais para familias. Baixaremos tamén os impostos”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
J.V.: “O turismo e o termalismo son dous eidos fundamentais. Queremos posicionar a Ourense non só como a gran capital termal, senón como ese destino idóneo para o turismo de saúde. Será un revulsivo que creará emprego e oportunidades”.
Como definiría a lista do PP?
J.V.: “Persoas que atesouran experiencia, formación e ilusión por sacar adiante o mellor proxecto para Ourense”.
Que pensa da irrupción de novas formacións?
J.V.: “A participación activa forma parte da democracia. Todo enriquece, mais non todos ofrecen nin persiguen os mesmos fins. Algúns persiguen intereses persoais e doutra índole”.
Non cre que partidos como VOU, VOX e Cs separan votos nesa parte do electorado?
J.V.: “A xente sabe quen está por principios e quenes prefiren cambiar de bando por intereses puramente persoais. A xente que cre no PP sabe que só o PP aporta sentidiño e rigor”.
Pactaría c para gobernar?
J.V.: “Creo no poder da maioría, e coido que se Ourense quere, poderemos acadala”.