Como definiría a situación actual de Ourense?
Gonzalo Jácome: “Estamos nunha situación totalmente caótica: non funciona absolutamente nada por ter as concesións caducas e, en termos xerais, pola parálise que actualmente padece o Concello. É tal o declive de Ourense que xa non é que perdamos o status de terceira cidade de Galicia, é que estamos a punto de alcanzar un punto de non retorno para pasar a converternos nunha vila grande”.
Cal é o principal problema que ten Ourense?
G.J.: “Ourense ten dous problemas principais. En primeiro lugar, o mal funcionamento do Concello debido a Jesús Vázquez e aos seus cómplices, que non fixeron moción de censura. E, por outra banda, a discriminación sistemática da Xunta de Galicia e do Estado que non invisten na nosa cidade”.
Cal sería a medida máis importante que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
G.J.: “A creación en Ourense dun centro de intelixencia artificial, que promoverá a creación de miles de postos de traballo e cambiará para sempre a economía da cidade e da provincia. Ourense ten que apostar polo futuro para deixar atrás a agonía dos últimos anos”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
G.J.: “Aparte do mencionado centro de intelixencia artificial, a posta en marcha dunha “joint-venture” para axudar a todo o comercio local a vender online en todo o mundo”.
Como definiría a lista de DO?
G.J.: “Tremendamente creativa, íntegra e valente”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccións? A quen pode beneficiar e prexudicar?
G.J.: “Parécenme ben as iniciativas de todo o mundo, iso é algo bo. En canto a quen pode beneficiar ou prexudicar, todo o mundo resta a todos, pero nós considerámonos diferentes a todos os demais, polo que entendemos que serán os partidos convencionais os que se restarán votos entre eles”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
G.J.: “Pactaría co demo se me garantira o ceo para Ourense”.