Benito Iglesias, despois de pasar polo PP e Cs, creou fai dous anos Adelante Ourense.
Como definiría a situación actual de Ourense?
Benitos Iglesias: “Converteuse nunha cidade en declive, paralizada, cun plan de urbanismo de hai máis de 30 anos (1986) e pouco atractiva para os investimentos pola inseguridade xurídica que xera a desastrosa xestión urbanística”.
Cal é o principal problema?
B.I.: “A clase política que estivo na corporación. Resulta difícil crer que en catro anos non conseguisen poñerse de acordo en máis nada que no aumento do gasto para os seus propios grupos políticos”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo?
B.I.: “Estaría centrada no emprego. A cidade necesita crear 2.000 novos postos de traballo. Para iso imos ceder gratuitamente 900.000 m2 de chan industrial do municipio a cambio de empregos estables e de calidade”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
B.I.: “Conseguir a aprobación definitiva do plan de urbanismo, con seguridade xurídica, para atraer investimento privado.
Tamén pretendemos sacar adiante a maior rebaixa fiscal da historia do concello. Hai marxe para facelo porque Ourense é a cidade galega con maior presión fiscal municipal por habitante. E apoiaremos decididamente ás empresas e entidades vinculadas ao social”.
Como definiría a lista de Adelante Ourense que vostede lidera?
B.I.: “Somos pequenos empresarios, autónomos, profesionais liberais, funcionarios, comprometidos co futuro da cidade. e que temos en común unha fonda preocupación da deterioración da convivencia na cidade”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccions?
B.I.: “A concorrencia de novos partidos sempre debe valorarse positivamente porque enriquécenos como sociedade plural e democrática e, sobre todo, porque permite romper co modelo tradicional bipartidista que tanta desafección e descontento xerou nos últimos anos”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
B.I.: “Penso que algunhas persoas que xeraron todos estes problemas no goberno da cidade dificilmente poderán ser a solución. Calquera acordo que poña por diante os intereses xerais dos veciños da cidade contará co noso apoio”.