Óscar Pérez deixou o Partido Socialista para embarcarse en Espazo Común, partido que lidera en Ourense nestas eleccións.
Como definiría a situación actual de Ourense?
Óscar Pérez: “De parálise, escaseza de iniciativas e, en definitiva, cunha xestión que impide que a cidade aspire a ser moderna e adaptada aos tempos”.
Cal é o principal problema que ten?
Ó.P.: “A falta de perspectiva de futuro. A nosa mocidade vese abocada a emigrar dada a escaseza de oportunidades laborais, culturais e persoais. Os intereses de partido están bloqueando o Concello e impedindo o desenvolvemento da cidade”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo?
Ó.P.: “Nós promovemos un plan de renovación da cidade a 10 anos vista. Promovemos unha cidade viable economicamente e sostible desde o punto de vista medioambiental. Unha cidade que afronte os novos retos e non mire ao pasado. Ademais, daremos prioridade ás políticas sociais para garantir que os recursos públicos sexan accesibles para todas as veciñas e veciños nas mesmas condicións”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
Ó.P.: “En emprego: un polígono empresarial no municipio de Ourense; coworking para potenciar o desenvolvemento dixital e a innovación; creación de niños de pequenas empresas emprendedoras innovadoras con actividade online en espazos como a praza de Abastos da Ponte.
En comercio: un modelo gremial nas galerías; cooperativas de pequenos comerciantes para aforrar custos e fomentar a competitividade; e plataforma de venda online.
En turismo: Camiño de Santiago e xestión do post-camiño de Santiago; e un Festival Internacional de Música como motor económico e cultural na cidade.
En termalismo: aproveitamento de ambas marxes do río para infraestruturas hoteleiras e zonas de ocio; incentivar a creación dunha zona de ocio na zona da ribeira da Ponte; barrio termal; hotel balneario; crear a marca “Ourense Termal” como un distintivo de calidade”.
Como definiría a lista de Espazo Común que vostede lidera?
Ó.P.: “Unha lista representativa e comprometida cos barrios. Con compromiso social. Formada por persoas de distintos ámbitos profisionais, con vocación e experiencia na xestión de servizos públicos”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos?
Ó.P.: “A aparición de novas formacións implica que non se fixeron ben as cousas nos últimos anos. A cidade está viva e aínda queda conciencia do colectivo e do social. Aínda queda xente con interese e iniciativa para tentar sacar Ourense do estancamento institucional e social no que se atopa.
Senón damos un paso á fronte e promovemos novos asuntos de interese social seguiremos atascados no mesmo bloqueo dos últimos anos”.
Non cre que Espazo Común e PSOE buscan ao mesmo votante?
Ó.P.: “Buscamos a todos os votantes que consideren que debemos primar o interese da cidade por enriba dos intereses de partido. Promovemos unha opción política que anteporá o interese colectivo da cidade fronte ao reparto opaco de postos institucionais”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
Ó.P.: “Pactaremos con todos aqueles que entendan esta cidade desde unha perspectiva de integración, potenciación dos servizos sociais, igualdade no acceso ao deporte, economía ao servizo do ben público, respecto escrupuloso ao medio ambiente e ao ecoloxismo”.