A Consellería do Medio Rural está a reforzar en Galicia a loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro e prevé soltar un total de 1,6 millóns de exemplares do parasito Torymus sinensis (45.711 viais) antes o verán. Na provincia de Ourense é na que máis soltas se están a realizar para combater esta praga, tendo en conta a importancia do cultivo neste territorio. Así, no que vai de ano liberáronse xa un total de 390.145 individuos de Torymus (11.147 viais). No conxunto de Galicia soltáronse ata o de agora máis de 31.000 viais con Torymus, que equivale ao 68% das soltas previstas para 2019, cifra que xa supera á suma dos viais soltados nos anos 2017 (4.194) e 2018 (20.122). As soltas continuarán durante esta semana e a primeira de xuño, ata acadar o número previsto.
Estes datos foron explicados pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a solta deste parasito no concello de Baltar, que estivo acompañada polo xefe territorial do departamento autonómico do Medio Rural, Yago Borrajo.
Díaz Mouteira indicou que polo de agora realizáronse soltas de Torymus sinensis na maior parte dos concellos de Ourense, 84 dun total de 92, incluíndo todos aqueles con presenza significativa de castiñeiros. En concreto, en 11 destes municipios liberáronse máis de 10.000 individuos: Viana do Bolo, Nogueira de Ramuín, Castro Caldelas, Laza, Maceda, Celanova, San Xoán de Río, Vilamarín, Riós, Larouco e A Pobra de Trives.
A delegada territorial destacou que a loita biolóxica mediante a liberación deste parasitoide é o sistema máis eficaz para facerlle fronte aos danos que causa a avespiña e por iso a Xunta está a reforzar estes labores tendo en conta as condicións meteorolóxicas e o estado dos soutos, coa autorización do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. A Consellería do Medio Rural destina este ano 2,1 millóns de euros a estas actuacións de loita contra esta enfermidade forestal.
Estes exemplares de Torymus son importados de Italia, o único país onde ata o de agora está autorizada a produción deste parasito, polo que é preciso ter presente que para introducir torymus no noso territorio hai que cumprir moitas particularidades legais.
No outono está previsto realizar unha recollida de bugallas e xemas apicais de castiñeiro, para o seu envío ao laboratorio de Areeio para coñecer así a presenza de Torymus nas masa de castiñeiro e, ao mesmo tempo, a efectividade do tratamento.
A representante do Goberno galego subliñou que todo este esforzo ten como obxectivo fundamental protexer a riqueza dos nosos montes e contribuír así ao mantemento dos aproveitamentos forestais sostibles, como fórmula para fixar poboación e xerar riqueza e emprego no noso agro.