O ciclo de cine terá lugar do 8 ao 13 de xuño.

Seis proxeccións no “Amal en ruta”

O ciclo de cine “Amal en ruta” chega a Ourense do 8 ao 13 de xuño e traerá ao Teatro Principal catro películas e dous documentais –cintas en versión orixinal subtituladas en castelán- que se poderán ver de balde.
Historias reais, causas de vida e cinema de autor, son os principais elementos que configuran o ciclo de cine euroárabe. Trátase dunha mostra que está organizada pola Deputación de Ourense e pola Fundación Araguaney. “Amal en Ruta” está enmarcada na estratexia de desestacionalizar o Festival de Ourense para que os eventos relacionados co mesmo non teñan lugar só durante a semana de celebración do OUFF.
A selección deste ano achega á realidade da sociedade árabe, rompendo cos estereotipos e ofrecendo unha visión ampla e multidimensional desta cultura tan heteroxénea.

Proxeccións
As películas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que amosan a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe. Os filmes que se proxectan son: “Alma Mater” (sábado 8 de xuño), “Sheikh Jackson” (9 de xuño), “Of fathers and sons” (10 de xuño), “Zagros” (11 de xuño), “Ghost hunting” (12 de xuño), e “El Cairo Confidencial” (13 de xuño). Todas elas darán comezo ás 20.30 horas.