A nova edición da campaña de trens turísticos impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) e Renfe, ofrece 12 itinerarios dos que 7 percorren a xeografía da provincia de Ourense. Así o explicou en rolda de prensa a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, durante a presentación da sétima edición da nova campaña que deu comezo o 1 de xuño e rematará o vindeiro 26 de outubro.
Como antesala do Xacobeo 21, esta campaña dos Trens Turísticos incorpora unha nova ruta polos Camiños de Santiago para descubrir gran parte do patrimonio galego a través de diferentes tramos do Camiño Francés, Norte, Primitivo e Inglés.
Sete rutas
Pola provincia ourensá pasan sete rutas que visitan as catro Denominacións de Orixe dos viños coas dúas rutas adicadas ao Viño Ribeira Sacra –unha polo río Miño e outra polo Sil–, a de Monterrei, a do Ribeiro-Rías Baixas e a de Valdeorras-Ribeira Sacra. Ademais se pode coñecer a cidade das Burgas co tren Ourense Termal e Versalles galego. E finalmente, a rurta dos Mosteiros inclúe a visita ao templo de Veracruz, ao mosteiro de Oseira e ao balneario Caldas de Partovia; esta ruta, tras o éxito do ano pasado co 100% de ocupación, duplicará as súas saídas nesta edición.
Cinco meses
Os 12 itinerarios temáticos farán un total de 57 saídas entre os meses de xuño e outubro.
Os Trens Turísticos de Galicia ofrecen rutas que inclúen viaxes en tren, visitas guiadas e traslados en autobús e teñen un prezo por ruta de 45 euros para adultos (con descontos do 15% para grupos de 10 ou máis adultos) e 20 euros para os nenos. Os billetes pódense adquirir a través da web de Renfe e, como novidade, tamén se habilitou este ano un punto físico de venta de billetes na oficina de Renfe instalada en San Martiño Pinario.
O ano pasado a ocupación global superou o 93% e sumou 2.300 viaxeiros, recibindo visitantes de 19 nacionalidades diferentes.