José Antonio Santos sumérxenos a través de “La danza de los cuerpos imperfectos” nun Ourense escuro.
O escritor ourensán preséntanos a súa sétima novela, da que dí sentirse máis satisfeito.
Que se vai atopar o lector cando lea “La danza de los cuerpos imperfectos”?
José Santos: “Desde o principio busquei unha obra que non tivese as típicas reviravoltas ao final da trama onde todo o que un deduce se desbota en busca dun final impactante. Desde o principio o lector coñece a realidade dos feitos e intúe quen é o culpable. Toda a trama se desenvolve na procura das pegadas que permitan acusar ao responsable dos crimes. A cidade é un elemento máis. Pero busquei sair da postal turística. O Ourense que aparece é un lugar escuro, tépedo, tecido de costuras apiques de se quebrar. O que máis me interesaba era transmitir unha historia creíble, con personaxes que poden existir incluso fóra do papel”.
É a primeira vez que te sumerxes na novela policíaca, era algo que tiñas xa en mente ou te xurdiu? E como foi a experiencia?
J.S.: “Sempre tiven pensado facer novela policíaca, pero nunca me vin coa madurez necesaria para o intentar. Ao rematar a miña anterior obra estaba necesitado de me embeber na realidade, e a maneira máis intensa de escribir sobre a realidade hoxe en día é facer novela policíaca, negra ou thriller. Quería amosar un Ourense escuro, e de-sexaba crear personaxes que non fosen íntegros, que estivesen na procura dun camiño para vivir a vida dentro das suas propias incongruencias, dudas e temores. Hoxe, ollando en retrospectiva, coido que é a obra da que máis satisfeito me sinto”.
Onde se pode mercar o libro e a que prezo?
J.S.: “A novela está en todas as librarías. Como a editorial é un selo pequeño, cabe a posibilidade de que o libreiro teña que pedir exemplares á editorial, pero en poucos días a distribuidora achegaos. Tamén se pode solicitar, tanto en formato dixital como físico, nas principais plataformas, FNAC, Casa del libro, etc.”.
Como evolucionou a túa obra desde que no 2000 escribiras “Cicatrices”?
J.S.: “Pode que esa pregunta sexa a máis doada de responder para os meus lectores, xa que ao escribir todos os días non chego a sentir os trocos que se dan no estilo e nas temáticas. Pero coido que o que máis cambiou foi a miña perspectiva de como funciona o mundo editorial. Cando publiquei “Cicatrices” tiña certa idea romántica do mundo editorial, de ser escritor, e de todo canto rodea este mundo. Pero cando arrancamos con Círculo Poético Ourensán e tiven que organizar todo tipo de actividades literarias, contactar con editoriais, con revistas especializadas, tratar con autores, lectores, público en xeral, fun cambiando de opinión sobre a realidade deste mundo”.
Escribes prosa e poesía, en que xénero literario te sintes máis cómodo?
J.S.: “Son diferentes para min. Na prosa tento contar historias para entreter. Non busco nada máis que facer que o lector pase un bo intre e desconecte da realidade. Na poesía tento sacar todo o que teño dentro fóra de min, é como unha terapia. Máis íntima, máis directa. Diferente.
Ademáis, coa novela o contacto co público é para facer presentación e pouco máis. Na poesía sempre rematas por ler os teus versos, é un xeito de nudez de alma que deixa exposto ao autor ante o lector de maneira totalmete crúa”.
Xa pensas na próxima obra? Sabes xa de que tratará?
J.S.: “Estou xa a rematar unha nova novela baseada no inspector López, protagonista desta obra. Pero primeiro teño que rematar a biografía dun pintor ourensá, amigo meu, que é un traballo que xa tiña que ter rematado, pero as circunstancias persoais o están dilatando demasiado”.