O PSOE pasou a ser a forza máis votada en Barbadás. Dos cinco concelleiros que tiña desde 2015 agora contará con sete para os vindeiros catro anos, reforzando o traballo realizado no anterior mandato. A pesar da vitoria non lle da para gobernar enn solitario pero si que poder repetir o bipartito con BNG.
O PSOE faise coa vitoria en Barbadás, superando ao PP e colocándose como a forza máis votada, agardaba un resultado así?
Xosé Carlos Valcárcel (X.V.): “Partíamos dunhas perspectivas humildes. Non hai nada mellor ca humildade para ser realistas. A humildade é a que ao final recoñecen os veciños. Contaba 6 ou 7 concelleiros, a piques estivemos de conseguir o oitavo. Esperabamos gañar non con tanta holgura. É un resultado que recoñece, primeiro, o esforzo, segundo, a proximidade coa cidadanía, e terceiro, o traballo que se fixo inxente nestes catro anos en obras e servizos. E quinto, o que dicía antes, a humildade”.
Mentres todos os partidos baixan, o PSOE sobe máis dun 30% en votos, que lectura fai diso?
X.C.: “Somos unha candidatura moi ben formada, que representaba a case todas as parroquias de Barbadás. Xente moi preparada, con gañas de gobernar e con moita ilusión. E isto transmítese á veciñanza. Eramos un proxecto que non prometía cousas que de seguro serían irrealizables. Loitaremos polas grandes obras e infraestructuras, pero non podemos prometer o que temos como certo que non imos acadar. O noso traballo está no día a día, este concello aínda ten moitas infraestructuras ou dotacións que están en precario. Hai parroquias que aínde teñen o saneamento en precario. Antes que todas esas infraestructuras que algúns prometían nas súas candidaturas son necesarias outras obras para a veciñanza e que o concello está na obriga de facer.
Isto é o primeiro, a partires de aí, pois si que pode ser necesaria unha piscina nova climatizada, pero nós non o prometiamos. A xente valora o próximo, o máis realizable. Nós fuximos desas grandes promesas, hai que darlle crédito e veracidade ao que se di na campaña electoral”.
Seguirá o pacto cos nacionalistas despois destes resultados?
X.C.: “Aínda non empezaron as negociacións, para ser francos. O BNG aínda non se reuniou. Estamos contentos como funcionou este goberno. Sempre hai asperezas ou diferenzas pero se estiveramos catro anos gobernando con eles na prensa sairían todos os problemas e diferenzas, pero non foi así. Eles decidirán se queren ou non queren e a partires de ahí nós valoraremos tamén que facer. Cabe a opción de goberno en minoría”.
Cales serán as medidas que quere poñer en marcha inmediatamente?
X.C.: “Nós traballamos no día a día. Hai unha cantidade de obras en marcha centradas na praza de Pumar en Bentraces, que era unha reclamación que tiñan os veciños dende hai 28 anos e o PP non foi quen de facelas. Tamén está en curso a obra da praza do San Juán en Sobrado, outra reclamación dos veciños nun lugar senlleiro. Está en marcha a obra do Campo do Carril en Sobrado. Está adxudicada e licitada a obra do campo de Roma, que é a obra máis importante de Piñor. O saneamento ao principio da Valenzá que estaba en precario. Estas son as obras que temos agora mesmo e despois queda seguir mellorando as dotacións deste concello que son moi precarias nalgúns lugares.
Seguiremos tendo como prioridade traballar na mellora definitiva dos parques. Cando entramos estaban nunha situación moi lamentable e démoslle unha gran volta a case todos. Hai un proxecto en colaboración coa Confederación Hidrográfica no parque do tren e o entorno do acceso a Valenzá vindo do Carrefour, que afecta tamén ao parque dos patos. E hai un convenio xa asinado coa Deputación de 200.000 euros para instalar o saneamento nunha parte de Bentraces que non o tiña e vertían ao río.”.
E cales son os proxectos máis destacados para estes catro anos?
X.C.: “É moi importante seguir potenciando a actividade empresarial no noso concello, que está centrada basicamente no comercio local. Démoslle un pulo importante ao noso comercio local, que ademais fixa poboación. A parte de crear postos de traballo fai que Barbadás sexa un concello por si mesmo, que os veciños non consideren Barbadás como un concello dormitorio. Non o é. E o comercio local ten unha importancia grandísima niso.
Tamén temos unha iniciativas pioneira en compostaxe, que repercute nunha mellora na calidade de vida dos veciños. E seguir mellorando todo o noso entorno rural, que está en precario. Potenciar as obras nos parques e pór en marcha, que é un proxecto importante en colaboración con Abanca, unha aula de novas tecnoloxías con 16 ordenadores.
E outro proxecto importante que xa se iniciou no final do mandato pasado é que se incorporou unha terceira traballodora social para darlle un empurrón definitivo a unha boa atención no servizo de axuda no fogar para os nosos maiores”.