A nacionalista seguirá desenrolando os proxectos destes anos. Despois de reeditar -non sen susto- os éxitos dos pasados anos voltará a coller o bastón de mando a partir do 15 de xuño.
Unha vitoria con incertidume polo erro da aplicación do Ministerio, que pasou pola súa cabeza?
Cristina Cid (C.C.): “Estaba moi tranquila porque tiñamos as actas e tomabámolo a broma, dicindo que xa o cambiarían. Despois de chamalos e insistir que se trataba dun erro, pero xa digo, estábamos tranquilísimos”.
Agora son catro anos nos que coa maioría lograda pode sacar adiante os obxectivo marcados, cales son os prioritarios?
C.C.: “Tivemos un incremento de votos que nos da unha maioría máis ampla. Despois de tantos anos no goberno cun proxecto en marcha que cada vez teñas máis apoios danos unha maior responsabilidade.
Os grandes obxectivos que nos marcabamos son os que xa tíñamos en campaña e nos que estamos centrados estes últimos anos. Seguir tendo un maior número de equipamentos e de servizos que nos sigan dando esa calidade de vida que disfrutamos e, ao mesmo tempo, non baixar a garda e intensificar todas as accións que teñan que ver co crecemento económico, co turismo, co comercio, co sector primario, coa actividade e o parque empresarial… Todo o que fixo posible que Allariz xere unha expectatica económica importante e fruto diso a xente se asente e veña a vivir aquí. Estas son as pedras angulares do goberno en Allariz e coas que seguiremos traballando”.
E os que quere sacar adiante neste mandato pero precisarán de algo máis de tempo?
C.C.: “Algunhas medidas non se poderán executar neste mandato. Estamos agora con toda a tramitación urbanística e todo o plan para poder facer esa tramitación urbanística que ten que ver con auditorio e multiusos. Vai ser un trámite longo porque cando se fai calquera modificación do plan xeral para facernos con esese terreos, esa tramitación pode levar na Xunta ata dous anos. Despois necesitamos conseguir a financiación que os faga posible. Estes serían proxectos a máis longo e medio prazo”.