Este sábado 15 de xuño Ourense coñecerá ao seu rexidor para os vindeiros catro anos.

A piques de desvelarse o enigma da alcaldía

Estamos a escasas horas de descubrir un dos enigmas que máis inqueda aos veciños de Ourense nestas datas. Saber quen será o seu alcalde durantes os vindeiros catro anos é algo que está a supoñer -a máis dun- un desvelo nos últimos días.
Son tantas e tan variadas as hipóteses que calquera cousa pode acontecer. Incluso pactos que este venres poden estar practicamente pechados, o sábado poderían cambiar totalmente antes do pleno de confección da corporación municipal. Ou así o supón máis dun candidato. O pleno dará comezo ás 10 da mañá.

PP
O Partido Popular está na procura de acordos en negociacións nas que non está presente o alcalde en funcións, Jesús Vázquez. Así o asegurou el mesmo ante os micrófonos de diversos medios de comunicación. Desvelou que as negociacións as está a levar o partido e que el só se mantén ao tanto das mesmas, escudándose en que é “unha persoa tremendamente de partido”. “Cando unha persoa está nun partido hai unha estrutura. O partido busca o mellor para o partido”, xustificaba.
Asegura que está todo aberto e incluso non descarta que continúe sendo o alcalde da cidade, que cogoberne ou que estea na oposición, “vendo as circunstancias e as condicións desas alternativas”, afirmaba. O que deixou claro é que a cidade necesita gobernos de maioría “para evitar o terrible bloqueo ao que somoteu a oposición a este goberno o mandato pasado”.
En canto aos rumores sobre unha posible marcha do PP de Ourense, Vázquez comentou que xa o tiñan colocado nestes días en moitos lugares: “un día póñemne como presidente da Fundación Expourense, ao día seguinte era senador, ao seguinte iba ao Consello Económico e Social. Pero eu teño un compromiso e estou a disposición do partido”, concluía.
Sobre a renuncia de Santiago Rodríguez (o seu número dous na lista municipal), dixo que cando alguén está ferido “é moi perigoso”. “Se collen as declaracións queda claro todo desde o principio ata o final, polo tanto é lóxico que non teña lealdade á miña persoa, e tampouco é unha persoa de partido”, aseguraba. E engadía que cando unha persoa non cumpre “cos seus obxectivos e dá cunha persoa que ten moi claras as cousas pois ao mellor non cadraba”.
Lembremos que Rodríguez foi proposto polo presidente da Deputación, Manuel Baltar e o da Xunta, Núñez Feijoo, como número dous de Jesús Vázquez e foi a eles a quen lles comunicou a súa decisión de non recoller a acta de concelleiro. Ademais, lanzou duras críticas sobre o alcalde en funcións ao que -en declaracións a galiciapress- non lle recoñece “nin liderado nin autoridade moral ningunha”, para informarlle da súa decisión.

Democracia Ourensana
Gonzalo Pérez Jácome, candidato de Democracia Ourense, negou que lle ofrecera ao PSOE un acordo para gobernar dous anos cada un no mandato que comeza este mesmo sábado.
Jácome asegurou que a súa formación votarao a el mesmo para ser elexido alcalde. O líder de DO é un dos que non vería raro estar en vela “a noite do venres” para chegar a algún acordo con algunha formación. Pérez Jácome espera non ter que chegar a ese extremo e agarda que sexa antes cando pacte. Un pacto que pasaría a priori por ser el alcalde.
O que ten claro é que son dúas administracións -Concello e Deputación- as que están en xogo e o acordo ao que se chegue afectará a ambas.
As negociacións son tanto co PSOE coma co PP e todas elas pasan por que sexa Pérez Jácome o próximo rexedor da capital, deixando o goberno provincial ao partido co que logre un acordo. No caso de buscar entendemento co Partido Popular só terían que falar entre eles dous, mentres que se busca pactar co PSOE, precisaría o apoio de BNG e Cs para cambiar o mando da Deputación.

BNG
O Bloque Nacionalista Galego regresa ao panorama municipal con dous concelleiros despois de estar os últimos catro anos no dique seco. O seu líder, Luis Seara, deixou claro que non van formar parte de ningún goberno, pero que o seu partido si buscará a forma de afastar o “baltarismo” da Deputación (contan con dous deputados).
Para elo, agarda que PSOE, DO, Cs e o propio Bloque se poñan de acordo para desbancar a Manuel Baltar. De darse o caso deste entendemento, no Concello apoiarían algunhas das propostas doutros grupos, sempre e cando non se alonxen do programa do seu partido.
En canto ao Concello de Ourense, Seara adiantaba que “o BNG fará unha oposición seria, construtiva e colocando as necesidades de Ourense nun primeiro plano”.
Sobre a situación que atravesa Ourense, Seara foi claro, “hai forzas políticas que queren converter o Concello nunha sorte de mercado persa no que todo se merca, mesmo a credibilidade e dignidade con tal de tocar poder”. Os nacionalistas deixan a mensaxe de que “o noso voto está ao servizo de quen o quería utilizar para botar ao baltarismo” e invitan ás outras formacións a que se posicionen “dunha forma clara” ante esta “oportunidade histórica” de se queren “manter ao baltarismo, un instrumento ao servizo do PP, que o único que fixo foi xerar desigualdades para esta provincia ou pola contra apostan por abrir un tempo novo”.

PSOE
Pola súa banda, dende o Partido Socialista nos últimos días non cesaron as conversas cos demais grupos políticos na procura dun acordo que permita tinguir de vermello o mando de Concello e Deputación. Pero se con algunha formación esas conversas están a ser máis intensas é coa de Gonzalo Jácome, a quen o PSOE fixo unha proposta (da que non trascenderon os termos) pero que non rematou de intersar a DO, que respostou cunha contraoferta. Nada se sabe de ningunha delas, pero Jácome sempre deixou claro tralo 26M que o seu principal obxectivo é ser alcalde de Ourense, polo que a súa resposta seguramente se basearía nun pacto que lle permitise gobernar o Concello a cambio de que os socialistas se fixeran coa Deputación.
Este sábado 15 sairemos de dúbidas en canto a quen será o próximo alcalde da capital e, previsiblemente, esa decisión deixará entrever se a institución provincial continúa en mans de Baltar ou non. O pleno no que se elexirá ao presidente da Deputación será a finais deste mesmo mes de xuño.