O domingo 26 de maio as urnas falaron en Xinzo, e pediron cambio en seis idiomas distintos, tantos como partidos entrarán na nova corporación.
Cos resultados xa na man, todos as formacións do anterior mandato baixaron en número de votos e concelleiros. O PP perdeu a metade dos votos (de 2675 a 1.262) e catro edís. O PSOE perdeu 500 votos (de 1.465 a 906) e un concelleiro. Xinzo Adiante baixou de tres a dous edís polos 700 votos que perdeu (de 1.081 a 297). O BNG continúa co seu concelleiro pese a pasar de 503 a 228 votos. Irrumpiu con forza a plataforma cidadá AXIL liderada polo coñecido activista local Amador Díaz. Da nada conseguiu tres concelleiros grazas aos 586 votos acadados, que o sitúa como terceira forza política. Ciudadanos tamén obtivo representación, cunha acta, grazas ao tirón da limiá Montse Lama.
Así, pese a que o PP gañou as eleccións, a suma de forzas progresistas acadan os sete concelleiros necesarios para a maioría absoluta. Só faltan que se poñan de acordo.
Valoración dos resultados
Nesta suma falta Ciudadanos. Montse Lama, a candidata en Xinzo, tras afirmar que está moi contenta polos resultados obtidos, non só polos resultados do seu partido senón porque cree que “Xinzo falou e quere un cambio, necesita un cambio urxente e do que máis orgullosa me sinto é que grazas a esa intención de voto Xinzo terá por primeira vez unha alcaldesa, terá a honra a socialista Elvira Lama e como muller estou moi orgullosa”. Preguntada por se estará nas negociacións para votar a Elvira Lama e entrar na acción de goberno como quinto elemento a sumar responde que “non podemos estar nun pacto de gobernabilidad co BNG, é unha liña vermella que temos en Ciudadanos, pactar con partidos nacionalistas”. Afirma que “non ten que ver nada os partidos a nivel nacional coas vilas máis pequenas pois con Ramiro, o candidato nacionalista, lévome moi ben e temos unha excelente relación e esa liña vermella está ahí en non podo saltala. Tamén penso que catro partidos é máis que suficiente para formar un goberno, cinco xa sería demasiado”. Pensando xa no seu papel na oposición opina que “facer unha boa oposición, unha oposición constructiva, de sumar e non de restar, é ao que me vou adicar xunto co meu grupo”. Reafírmase en que o sábado 15 de xuño votará polo cambio e dará o seu apoio á candidata socialista Elvira Lama, como xa llo transmitiu a mesma noite das eleccións cos resultados definitivos cando a chamou por teléfono para comunicarllo e felicitala.
Partido Popular
Pola súa banda o candidato popular á alcaldía, Antonio Fernández, mantén a súa postura de que “fomos o partido máis votado e o normal sería que gobernase ese partido máis votado, pero como a lei tamén contempla que poida haber que coaliguen entre eles pois é sobre o que están traballando eles. Se chega a haber un cuatripartito, o que faría falta para ter maioría absoluta entre os catro partidos para xuntar sete concelleiros e nós estamos en cinco, faríannos falta dous máis. Pero parece que a esquerda negocia para que non goberne o Partido Popular”.
Preguntado se alguén se dirixiu a eles ou eles a alguén, “eles están facendo as súas negociacións e segundo os seus comunicados ninguén nos quere. O normal é que gobernara o partido máis votado porque tamén entendemos que catro partidos gobernando pode ser complicado. Todo parece indicar que haberá un cuatripartito e que van apoiar a Elvira Lama”. Engade que “estamos dispostos a gobernar en maioría simple e se temos que chegar a algún pacto de goberno con algún grupo chegaramos a un entendemento, pero con nós ninguén se puxo en contacto, polo que entendemos que non queren saber nada de nós”. “Non nos queremos meter en nada, eles saberán o que están facendo, se chegan a un acordo os catro partidos non temos nada que facer”, remata.
Acordo a catro
Este luns 10 de xuño estiveron reunidos PSOE, AXIL, XA e BNG. Foi unha primeira toma de contacto onde se reflectiu a boa sintonía entre os catro partidos destinados a provocar o cambio na alcaldía de Xinzo.
Emprazáronse para este mércores á tarde para deixar xa pechado un acordo definitivo e, de ser posible, deixalo tamen por escrito.
No que si están os catro de acordo é en que a candidata socialista, Elvira Lama, será a elexida no pleno do sábado para ser a nova alcaldesa, a primeira muller que logra o cargo en Xinzo de Limia.
O que queda por asignar son as futuras concellerías e a tenencia de alcaldía, aínda que o máis seguro é que esta recaia en Amador Díaz como segunda forza en votos e concelleiros deste cuatripartito.
Pero parece que iso non será o máis importante para eles, senón o cambio que se vai producir na vila cara unhas políticas máis sociais e progresistas.