A subida en votos e concelleiros avala a súa xestión e continuará catro anos máis como alcalde da vila do Támega.
Tras sumar 1.400 votos aos 2.100 obtivos nas municipais de 2015, e pasar de 6 a 8 concelleiros rozando a maioría absoluta, Gerardo Seoane gozará dun segundo mandato na vila de Verín. Trala boa experiencia do cogoberno co BNG, tendeulle a man e voltarán a gobernar os dous de novo. O alcalde recén investido (este pasado sábado 15 de xuño) desgrana a pequenos trazos o que serán os próximos catro anos.
Agardaba estes resultados tan bos?
Gerardo Seoane: “Fixemos unha gran labor que xa era recoñecida polos nosos veciños e si que agardaba bos resultados”.
Eso demostra que a cidadanía segue confiando no proxecto comezado polo PSOE e o BNG?
G.S.: “Así o dixo e aumentounos considerablemente a nós coma ao BNG. En porcentaxe, aos dous xuntos non nos gañou nin Abel Caballero”.
Cales van ser as primeiras medidas da nova corporación?
G.S.: “É un plan estratéxico a catro anos con máis de 40 proxectos por un importe duns 12 millóns de euros nos próximos catro anos, que seguirán na mesma liña na que estamos, de rexeneración urbana, rehabilitación e humanización do pobo, pero tamén hai varios proxectos interesantes que buscan a creación de emprego, como é a escola de formación en TICS, informática e unha escola de segunda oportunidade para xente que non atopa traballo coa súa primeira profesión. Ademais, hai dúas ou tres actuacións importantes no polígono”.
Di que Verín estaba nunha etapa de transición cara unha economía máis asentada e equilibrada coa contorna, chegarase a conseguir neste mandato?
G.S.: “Non. O que intentamos é cambiar a tendencia. Non somos tan ilusos de pensar que en catro anos ímos cambiar o mundo. Imos atacar o principal problema, o do envellecemento da poboación, e tamén o da formación da nosa xente para poder xestionar os recursos que temos coas técnicas que existen actualmente e que agora non ocorre. Se non nos metemos nunha econonomía do século 21 directamente continuaremos coa do século 18 toda a vida”.
Polo que nestes catro últimos anos cambiastes a tendencia e agora ides a continuar.
G.S.: “Exacatamente. Pero agora ven un salto cualitativo. Nestes anos intentamos a rexeneración urbana e o coñecemento da nosa historia, por decilo dalgún xeito, co obxectivo de ter todos un pouco máis de autoestima. Nesta segunda parte o que intentamos é precisamente, en cousas máis concretas, atacar a forma de vida que ten que cambiar”.
Ve a cidadanía e ao goberno ir na mesma dirección?
G.S.: “Eu penso que si. O apoio foi total nestas eleccións”.