O municipio de Castrelo de Miño será a sede da 3ª Copa de España de Maratón para as categorías cadete, xuvenil, sénior e da 3ª Copa de España de Maratón Máster para a categoría de veterano, os vindeiros días 22 e 23 de xuño.
A Deputación de Ourense colabora con este evento que terá lugar “nun marco ideal para este deporte e que supón unha das competicións máis cotizadas do calendario nacional, sendo o selectivo nacional da especialidade de maratón, onde se escollerá ao equipo nacional que participe no campionato de Europa que se celebrará o día 25 de xullo en Francia”, explicou Rosendo Fernández, quen destacou tamén “o importante retorno económico que supón para a nosa provincia acoller estas probas”.
Na competición da Copa de España de Maratón daranse cita –tal e como explicou o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández- 460 deportistas procedentes de 65 clubs de 12 autonomías. Mentres que, na Copa de España de Maratón Máster participarán 112 deportistas de máis de 35 anos, procedentes de 39 clubs e tamén de 12 autonomías. No evento citaranse “os mellores do piragüismo nacional”, dixo Alfredo Bea, quen lembrou que esta proba “ademais de ser clasificatoria para o europeo, será control selectivo para o campionato do mundo que terá lugar o día 10 de outubro en China”.