A 36ª edición chega este domingo 7 de xullo.

Leiro recibirá atletas de toda Galicia para a súa carreira popular

O vindeiro 7 de xullo celébrase a 36ª edición da carreira popular de Leiro que ofrecerá aos participantes un percorrido de 10 quilómetros para a proba absoluta.

A carreira popular de Leiro establece categorías para mulleres e homes con clasificacións diferenciadas. Deste modo, ás 10 horas será a saída para os participantes das categorías C, D, E (nados entre o 2002 e o 2011) cunha distancia de 2,3 quilómetros. Ás 10.20 horas será a quenda para as categorías F, G, H, I, J, K, L, para os participantes na proba absoluta que terán un percorrido de 10 quilómetros. Posteriormente, ás 11.30 horas será a saída para os da categoría B (nados en 2012, 2013 e 2014) cunha distancia de 400 metros. E, por último, ás 11.50 horas sairán os da categoría A, os pitufos (nados en 2015 e posteriores) que terán unha proba cunha distancia de 200 metros. A zona de saída e de meta será na praza do Cruceiro.

Equipos
A novidade desta edición é que haberá tamén unha clasificación por equipos que, para clasificarse, terán que rematar a proba como mínimo 7 corredores do mesmo equipo. Para confeccionar a clasificación dos equipos sumaranse os postos dos 7 primeiros corredores clasificados e obtendo o mellor resultado o equipo que na suma menos puntos acade e así sucesivamente.

Inscricións
Os interesados en participar poderán inscribirse de xeito gratuíto en tódalas categorías ata o 4 de xullo -xoves-, agás as categorías absolutas para as que a inscrición ten un custe de 5 euros para os que teñan en propiedade o chip amarelo, e de 6 euros para os que non o teñan. As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.championchipnorte.com.