A Festa de Exaltación do Pan de Cea chega á súa 28ª edición agardando superar un novo récord de vendas. “O ano pasado quedamos a mediodía sen existencias, polo que nesta ocasión poremos á disposición do público preto de 4.000 pezas”. Así o indicou o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, na presentación do evento, que se desenvolverá esta fin de semana no Campo da Saleta. O pregón correrá a cargo do cantante Dani Ríos.
A xornada grande, o domingo 7 de xullo, comezará a partires das 10 horas cun pasarrúas a cargo de diversas charangas. Xa ás 12 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta.
A continuación, Dani Ríos pronunciará o pregón. Unha vez finalizada a súa intervención, ofrecerase unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade. A Charanga Castro Bello e Troula Group encargaranse da amenización musical.
Para as 14.30 horas, terá lugar o tradicional xantar. “Temos a previsión de que acudan unhas 500 persoas”, concretou Carlos Rodríguez. O fin de festa porano os concertos de Charanga Terra de Trives, Os Charaviscas e Pepe Vaamonde Trío, que comezarán as súas actuacións a partires das 17 horas.
VI Ruta dos Fornos
O sábado 6 de xullo terá lugar a sexta edición da Ruta dos Fornos. “Ao igual que o ano pasado, o público poderá visitar os 5 fornos participantes gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles, por un custo de 10 euros. Como novidade desta edición, todas as persoas asistentes levarán como agasallo un cataviños conmemorativo da Festa de Exaltación do Pan de Cea”, concretou o presidente do Consello Regulador.
A VI Ruta do Fornos poderase percorrer entre as 18.30 e as 22 horas. As propostas gastronómicas nos cinco fornos participantes son as seguintes:
– Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega, Pementos da DOPs de Galicia, Mexillón ao vapor, embutidos tradicionais, troitas, viño branco e tinto, cervexa e auga
– Forno do Parapeta: xamón ao corte, queixo DOP Arzúa-Ulloa, embutidos tradicionais e viño branco e tinto e auga
– Forno do Santo: empanada de Pan de Cea con IXP Ternera Gallega, Queixo Tetilla DOP, embutidos tradicionais e viño branco e tinto e auga
– Forno do Abade: mexillón ao vapor, tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais e viño branco e tinto e auga
– Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais e viño branco e tinto (apto para persoas celíacas).
A VI Ruta dos Fornos combinarase coa animación musical das agrupacións Airiños do Coto (Entrimo), Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras Ferreñas do Monte (O Irixo) e Pandereteiras Ponte da Prata (Botos-Lalín). A verbena correrá a cargo do grupo De perdido al Trío (que actuarán no Forno da Cebola ás 20 horas) e Gin Toni’s, que actuará na praza Maior de San Cristovo de Cea ás 22.30 horas.