Gustavo Sepa Vázquez ”Gus”, primeira incorporación.

O Sala Ourense xa pensa na tempada 2019-20

O Sala Ourense xa se está a mover de cara a tempada 2019-20 na que militará un ano máis na Segunda B. A presentación da primeira fichaxe tivo lugar esta semana no Centro Médico El Carmen. Trátase de Gustavo Saiba Vázquez “Gus” de 25 anos de idade,natural de Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense.
Gus é coma se fose “un home da casa” así o definen desde a directiva, xa que é coñecido por varios membros do club desde hai anos e mesmo realizou algunhas sesións de adestramento co equipo en épocas pasadas.
Ten experiencia na categoría de bronce do fútbol sala nacional. Co Leis Pontevedra disputou tres tempadas nela, tamén ten pasado en Terceira División Nacional, unha tempada co Carballiño FS, outra co Ponte Ourense C.F. (cando contaba con sección masculina de fútbol sala) e co Leis de Pontevedra; máis dúas campañas cos Talleres ABC Vigo FS, equipo do cal procede.
Ocupa a posición de á. É un xogador zurdo de moi bo dominio técnico de balón que para o modelo ofensivo de xogo do seu novo equipo vén como anel ao dedo. Caracterízase por un bo golpeo exterior, coa zurda como perna dominante, que debería achegar un bo número de goles.
Un novo reforzo, que engadido ás renovacións de Allariz, Martín, Arturo, Fer e Rubén empezan a dar forma ao equipo. Seguirán producíndose as renovacións e algunha fichaxe máis co obxectivo de afrontar con garantías un esixente e ilusionante novo curso.

Obxectivos
Os obxectivo do club pasan por catro aspectos este ano: económico, deportivo, reestructuración e institucional.
En canto ao económico, pretende mellorar o orzamento coa renovación das empresas que apostan polo proxecto e a inclusión de novas. Tamén buscarán este ano aumentar a masa social cun incremento de socios que acudan os domingos aos Remedios a apoiar ao equipo.
No deportivo seguen unha liña continuísta na que procurarán renovar á maioría dos xogadores da pasada campaña ademais de lograr algunha fichaxe que os faga mellorar para asentanrse na categoría. Dos equipos da base queren que sigan aprendendo e se formen; tentarán contar ademais cun equipo cadete e outro infantil en ligas locais. Ademais, queren alcanzar acordos con clubs e centros para poder contar na estrutura do club con equipos prebenxamíns, benxamíns e alevíns, cos que a día de hoxe non contan.
O terceiro dos obxectivos é a modificación na Xunta Directiva e organigrama, para así, potenciar o funcionamento do club.
E finalmente, no apartado institucional procuparán sentarse a falar coas institucións para expoñerlles o proxecto e modo de traballo de cara a buscar un respaldo que lles permita ter estabilidade a todo o feito durante os seis anos de existencia do club, e poder consolidarse.