Entrevista a Manuel Dacal, concelleiro de Tursimo, Traballo e Promoción económica do Carballiño.

“As novas iniciativas van dando resultado”

Falamos co concelleiro socialista Manuel Dacal para que nos faga un resumo do que nos agarda na vila do Arenteiro durante este verán. E, sobre todo, que nos poña ao día da Festa do Pulpo deste 2019.

Que ten planificado o Concello para este verán?
Manuel Dacal: “Desde fai uns anos para aquí imos dándolle certa actividade ao meses de verán debido, en gran parte, ao regreso dos emigrantes. Vemos que ano tras ano as novas iniciativas que introducimos van dando resultado. E queremos continuar por esa liña. Púxose en marcha o Carnaval de Verán, este fin de semana foi A Liorta, a semana que vén iniciativas privadas que tamén apoiamos porque están ben organizadas, como a Holi Pulpo, que consiste nun paseo no que vas pintado desde a vila ata o Parque Municipal e, unha vez alí, discoteca móvil e festa pero ata unha hora prudencial pois remata ás 10 da noite. Outro tipo de actividades este verán é a Festa dos Venezolanos. Desde aquí aproveito para felicitar aos emigrantes pola súa fidelidade e voltar cada ano ao Carballiño e a todos os visitantes que se irán encantados de disfrutar na nosa vila”.

Pode adiantarnos algo da Festa do Pulpo deste ano?
M.D.: “Este ano como coincide a día 11, pois temos once días de actividades. Este luns 22 de xullo presentámola en Gijón porque cada ano se adica a un país ou autonomía, e este ano decidimos dedicala a Asturias, comunidade irmá e que como galegos estamos moi vencellados. Tamén porque asiduamente temos moitos visitantes asturianos nesta Festa do Pulpo, veñen moitas “peñas”. E por iso dixemos “este ano ímos dedicala a Asturias”.
Aínda así non haberá moitas novidades. Seguiremos a tradición dos once días onde o máis destacado volverá ser o prato xigante de polvo, o martes da propia semana. Despois temos mércores, xoves e venres con tres conciertos e festival folclórico internacional. Dentro da festa outra actividade que funciona moi ben é a do concurso das camisetas, onde máis de 3.000 mozos e mozas repartidos en 100 peñas desfilan por todas as rúas do Carballiño, converténdose nun acto moi importante. E rematamos co propio día, o domingo día 11 coa gran romaría no Parque Municipal. Quero destacar que a xente xa non ven só o día da romaría, senón aumenta a unha semana e, ás veces, quince días. Non só é pola Festa do Pulpo, desde o concello vendemos todo o que temos ao redor, Ribadavia, Ribeira Sacra, Castro de San Cibrao, Mosteiro de Oseira… desde Carballiño a 20-30 km poden atopar todas estas maravillas”.

Algunha actividade máis este verán?
M.D.: “Non paramos coas actividades. Temos concertos con grupos locais e o primeiro fin de semana de setembro temos unha festa de foods trucks que ten moito éxito últimamente. E xa estaríamos nas festas patronais, en setembro, como cada ano do 14 ao 19 coa romaría da Saleta, en Astureses. Intentamos alongar ata outubro algunhas actividades. Así acadamos que Carballiño sexa unha vila con máis actividade lúdico-turística, con arte e deportiva na provincia”.