O BNG logrou nas pasadas municipais de maio ser a segunda forza política en Verín pasando de 1.681 votos a 1.973. Tras unhas “eleccións históricas”, nas súas propias palabras, Diego Lourenzo, voceiro do BNG, que será durante os vindeiros catro anos de novo tenente de alcalde de Verín, fala para Barrios sobre os segredos da coalición co PSOE e os plans futuros.
Que valoracíon fai dos resultados das municipais?
Diego Lourenzo: “A análise que facemos no BNG é positiva. Se ben é certo que cando se dan gobernos en coalición, gobernos bipartitos, por dicilo dalgún xeito, o grande come ao pequeno, tendo en conta o aspecto de que capitaliza máis o voto quen ten maior número de concelleiros na coalición. Se a iso lle sumas o ascenso a nivel estatal dos socialistas, que nós aumentaramos en votos e nun concelleiro máis é moi positivo. Para nós foron unhas eleccións municipais históricas. Quen nos ía dicir hai oito anos que seríamos a segunda forza política por enriba do PP”.
Cal cre que foi a chave do aumento do BNG na vila?
D.L.: “Penso que o BNG foi unha peza chave no goberno. Aportou traballo, ideas e foi quen de establecer unha colaboración entre as dúas partes. Tamén moitísimo dialogo para consensuar medidas. Creo que isto foi o grande éxito do Bloque, sumado ás ideas e ao traballo dun goberno coexionado”.
Como definiría a coalición PSOE-BNG en Verín?
D.L.: “Eu sempre digo e defendo que este goberno de coalición foi baseado na colaboración entre as partes, e iso é un elemento diferenciador, porque cando hai competencia entre as partes do goberno de coalición o grande come ao pequeno. Cando hai colaboración entre as partes demostrouse que as dúas partes suman. Tamén é un toque de atención, entre comiñas, porque eu non son quen de facelo, sobre como se deben establecer os gobernos de coalición”.
Que medidas van tomar a curto prazo no concello?
D.L.: “Estamos nun momento de análise do momento actual. É certo que partimos con vantaxe polo feito nestes catro últimos anos. O tempo tamén che dá base para tomar decisións desde as áreas que ten o BNG no Concello. Unha prioridade importante é establecer todos aqueles contactos e actuacións destinadas a intentar establecer un plan de dinamización económica para o Concello. Creo que nos últimos catro anos conseguimos un lavado de cara da vila, humanizar espazos, unha axenda cultural, un turismo activo, pero agora precisamos dar un paso máis e crear tecido produtivo, crear traballo e conseguir que as empresas veñan ao noso territorio. O BNG aparte do traballo que xa fixo e seguirá facendo porá moitísimo esforzo neste goberno de coalición desde as súas áreas en procurar ese tecido produtivo”.
E a longo prazo que proxectos teñen?
D.L.: “O obxectivo a longo prazo tamén é conseguir ese tecido produtivo, crear unha economía que permita reducir os datos do paro e aumentar o asentamento na vila, eses mozos da vila que non se teñan que ir fóra a traballar. Para acadar todo o anterior necesitamos o tecido industrial e, ao mesmo tempo, solo industrial de calidade. Tamén agardaremos o que suceda nas eleccións á Xunta de Galicia. Pero xa che digo, este ano comezaremos a traballar niso”.
Cal é a súa opinión sobre o acontecido coa Deputación e a cidade de Ourense?
D.L.: “Houbo unha oportunidade histórica para que a Deputación mudara de cor política, é a única en mans do PP en España, e considero que cedeu unha alcaldía de Ourense a calquera prezo por un voto na Deputación nun troco torticeiro. Xa houbo movementos de persoas dentro dese partido que dimitiron. Non espero moito futuro deste pacto.
Tamén desde un punto de vista moral, quen desde fai tempo se dedicou a criticar, ata no terreo persoal, aos cargos do Partido Popular agora é alcalde de Ourense cos seus votos. Imos agardar como funciona todo isto nos primeiros meses e despois xa se farán valoracións.
O BNG conta cun representante e na investidura votou ao candidato socialista. Non temos o peso que deberíamos ter na Deputación e non somos determinantes. Agardamos que nun futuro o BNG teña máis representantes na Deputación. Se hoxe houbera eleccións o resultado sería ben distinto porque considero que os que votaron a DO posiblemente hoxe non lle votarían ao comprobar que os seus votos serviron para que Baltar siga no poder”.
Cal é a súa opinión sobre os resultados do PP en Verín?
D.L.: “Penso que o PP equivocouse estrepitosamente na estratexia de oposición. Foi unha oposición destrutiva e nada construtiva. Unha oposición que non asumiu que as cousas cambiaron e que xa non estaban no goberno. Ademais, creo que o goberno fixo un bo traballo estes catro anos, que a xente lóxicamente premiou. Correspóndelle á xente do PP facer unha análise de por qué en oito anos pasaron de dez conselleiros a catro, de ser a primeira forza política a ser a última. Eu se fora militante do Partido Popular esixiría responsabilidades a quen me representa. Creo que ten un problema de relevos”.