Chega do Carballiño Dani.

A portaría do Sala Ourense refórzase

O Sala Ourense, equipo que milita na Segunda división do fútbol sala vén de presentar a súa terceira fichaxe. Nesta ocasión trátase de Dani, xogador que ocupa a demarcación de porteiro. Procedente do GRI Carballiño militou nas dúas últimas tempadas na Terceira división.

Un xogador que, pola súa idade (20 anos), ten un futuro prometedor e chega para convencer ao adestrador, Kike, de que pode xogar nesta categoría.

O propio xogador na rolda de prensa da súa presentación mostrabase ambicioso ao asegurar que gustaríalle quedar «entre os cinco primeiros» na vindeira tempada. Ademais asegurou ter gañas de comezar os adestramentos, para «adestrar ao 100%».

Pola súa banda, o seu novo adestrador, Kike García, dixo ser a incorporación de Dani «importantísima» despois da baixa de Guede no marco do equipo. Tamén falou da notable baixa de Tizón e asegurou que os máis xóvenes deberán dar un paso ao fronte.

García fixo balance da pasada campaña no que asegurou que o seu equipo competiu mentres os seus xogadores estiveron en bo estado. «Rematamos cuartos na primeira volta» recordaba o técnico, quen tamén valorou os novos cambios na Liga. «Penso que será máis competitivia ata o final entre os descenso e os que loiten por entrar na Copa do Rei. Nós xogamos os últimos cinco partidos -do pasado curso- sen motivación», reflexionaba.

Copa
Haberá derbi ourensán na Copa. Sala Ourense e GRI Carballiño disputan un partido no que ao vencedor agárdalle, na seguinte rolda, o Pizarras Los Tres Cuñados. O encontro está previsto para o 24 de agosto, pero este pode modificar a data en caso de acordo entre os dous equipos.