Verín acolle esta celebración os días 26 e 27 de xullo.

Auga, música e festa, na Batucada

Os días 26 e 27 de xullo (venres e sábado) celebrarase a Batucada de Verín 2019. Serán dúas xornadas cheas de música, auga e festa para todas as idades. Así o confirmou, durante a presentación do evento, Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos.
A festa comezará o venres ás 11 da mañá co “Desfile da Ludoteca Especial Batucada”. A temática elixida este ano son os super heroes e super heroínas. O percorrido comezará no CEIP Amaro Refojo e irá por Laureano Peláez, Praza do Concello, praza da Mercé, Rúa dá Cruz e praza García Barbón, para rematar coa tradicional “Festa Infantil da Ludoteca”, ás 12 h, no CEIP Amaro Refojo.
Pola tarde, de 16:30 a 20:30 h, é o turno da “Festa Acuática na Praia fluvial” para que os cativos, e os que non o son tanto gocen xogando coa auga. Nesta ocasión haberá animación musical, inchables de terra e auga. O Grupo Atenas pechará a xornada do venres cunha actuación na praza García Barbón ás 00.00 h.
Como non podería ser doutro xeito, a auga e a escuma serán os principais protagonistas da batucada. O sábado 28, ás 17 horas , celebrarase na praza García Barbón, coa animación a cargo de Discomóbil A Gramola, a gran “Festa da escuma e da auga”. Ás 19:15 h, comezará o “Desfile Pasarrúas da Batucada” que sairá da praza Maior e continuará pola praza da Mercé, Laureano Peláez, Irmáns Moreno rematando no pavillón de Verín.
Este ano, o desfile contará coa presenza da batucada Trópico de Gelos (Santiago de Compostela) e da Charanga Támega. Ao remate do desfile, na rúa Irmáns Moreno, Enjoy DiscoMóbil Jorge será a encargada da animación musical.
O prato forte de está edición correrá a cargo de Baiuca Live Band A/V Show, proxecto musical capitaneado por Alejandro Guillán, “Alex Casanova” que xunta sons propios da tradición galega coa música electrónica máis vangardista. Baiuca é un proxecto moi persoal que tenta achegar a tradición galega á electrónica. Instrumentos como cunchas, frautas, gaitas ou voces tradicionais asócianse con sintetizadores, caixas de ritmo e programacións. Unha mestura de sonoridade máis pura de proxectos como Luar na Lubre, Milladoiro, Carlos Nuñez ou Treixadura como da perspectiva folktrónica Nicola Cruz, Four Tet, Satoro ou Nicolas Jaar, entre outros. O espectáculo terá lugar o sábado, ás 00:00 h na praza García Barbón.

Hostalería
Coma o ano pasado, manterase o acordo cos hostaleiros para evitar o conflitivo uso de vasos de cristal na Batucada e evitar altercados. “Ofrecemos aos establecementos a oportunidade de instalar barras na rúa para que poidan servir bebidas en vasos de plástico”, declaraba Somozas.

Merchandising
Xa están á venda na tenda oficial da Batucada (praza García Barbón) as camisetas e fundas impermeables oficiais da batucada 2019 en horarios de 18 a 21 h. As camisetas terán un prezo de 10 euros; e as fundas impermeables e as mochilas, de tres euros cada un.