O municipio de Bande acolle o domingo 4 de agosto a celebración da XII andaina e o V trail de Bande, unha proba deportiva organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Bande que se realizará sobre un percorrido de entre 12 e 28 quilómetros, dependendo da modalidade escollida polos participantes.
Os organizadores establecen un límite de inscricións de 400 deportistas, cuns prezos de 12 euros para participar na andaina e de 15 euros para o trail. As inscricións poden realizarse na Casa do Concello de Bande ou na web http://championchipnorte.com, ata o 31 de xullo. Poden participar maiores de idade ou xóvenes maiores de 16 anos con autorización dos seus pais e titores. A andaina, de carácter solidario, é en favor do Club Badminton Athlos Ourense, en concreto, a prol do deportista Ignacio Fernández e do deporte adaptado parabadminton.
As probas desenvolveranse o domingo 4 de agosto, a partir das 9 horas, con saída e chegada ao mercado do Xurés, tendo as andainas uns percorridos de 12 quilómetros (andaina curta) e 16 quilómetros (andaina longa), mentres que o trail curto é de 16,5 quilómetros e o longo de 28 quilómetros, con zona de intercambio de relevos. A proba establece as categorías de Senior (menor de 36 anos), veteranos, parellas (femininas, masculinas e mixtas) e parellas por relevos.
Ademais dos trofeos para os gañadores, a organización obsequiará con camisetas aos trescentos primeiros inscritos na proba, e haberá avituallamento para todos os participantes, ademais de sorteos de material deportivo.