O inicio das obras de mellora das vías interiores do Hospital Universitario de Ourense, por parte da Xunta, farán que desde as 22 horas do xoves 29, se corte o acceso rodado e peonil á entrada principal do Edificio Cristal, desde a rúa Ramón Puga ata Cruceiro Quebrado.
Esta actuación, cun investimento de 47.000 euros, reparará o firme, ampliará e construiranse novas beirarrúas e estacionamentos de persoas de mobilidade reducida nesta área hospitalaria.
A duración desta primeira actuación, á que seguirá a prevista no Santa María Nai, está estimada nuns quince días.
Cambios
Na rúa interior paralela ao Cristal e Materno (con saída a Cruceiro Quebrado), estará restrinxido o tráfico tanto neste tramo como no vial de acceso desde Ramón Puga á entrada principal do Cristal, porta que tamén permanecerá pechada para peóns, polo que deberá accederse desde a traseira do Materno.
O acceso en turismo dos usuarios de Atención Temperá realizarase tamén pola rúa traseira ao Materno, onde se lles habilitará estacionamento.
Modificarase igualmente parte da circulación de turismos no perímetro interior do hospital, centralizándose a saída rodada á rúa Cruceiro Quebrado polo vial interior, situado entre as traseiras do novo Edificio de Hospitalización e o Materno.