A Xunta inviste 2,5 millóns de euros.

Catro colexios da cidade lucirán melloras no novo curso escolar

A Xunta de Galicia invistiu este verán 2,5 millóns de euros para que catro centros de ensido da cidade luzan as súas mellores no curso que está a piques de comezar.
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou esta semana as obras do CEIP de Prácticas (rehabilitación integral) e o CIFP Portovello (rehabilitación enerxética), para comprobar o avance das mesmas. A obra de rehabilitación integral que se está a desenvolver no IES do Couto (adxudicada por 842.000 euros) e a cubrición e peche da pista deportiva no CEIP Plurilingüe Irmáns Villar (358.000 euros) completan os grandes investimentos do Goberno autonómico en infraestruturas educativas este verán na cidade das Burgas.

Actuacións
A actuación no CIFP Portovello estará rematada para o inicio do curso escolar. Porén, as do CEIP de Prácticas e IES O Couto, tendo en conta que se trata de obras de rehabilitación integral, unha parte dos traballos desenvolverase durante o curso escolar.

A rehabilitación integral do CEIP de Prácticas suporá un investimento de 916.000 euros e permitirá acadar un aforro do 28,28% no consumo de enerxía primaria non renovable e do 23,96% en emisións de CO2. Neste centro a obra contempla a colocación de panel sándwich na cuberta do edificio principal e o illamento térmico na cara superior do forxado do baixo cuberta. Así mesmo instalaranse novas persianas na planta baixa e substituiranse as luminarias por unhas novas de alta eficiencia enerxética.

Ademais colocaranse ventás de vélux no faldón da cuberta, cubriranse tres patios interiores, limparase a fachada, instalaranse falsos teitos acústicos nas aulas, mudarase a carpintería interior da segunda planta, pintarase o interior de todo o centro e pulirase o pavimento de terrazo. Tamén se farán uns aseos infantís na planta baixa e cambiarase a valla de separación co IES 12 de Outubro.

Mellora enerxética
Cun orzamento de adxudicación de 453.104,3 euros, a obra no CIFP Portovello inclúe, tal e como explicou a conselleira, actuacións dirixidas á mellora da eficiencia enerxética do edificio, tales como a incorporación de illamento nas fachadas e na cara superior do forxado da cuberta, a substitución de parte da carpintería exterior, ou o cambio da caldeira existente por unha nova de biomasa e melloras puntuais da instalación de calefacción.
Así mesmo repararanse e vernizaranse os elementos de madeira e a carpintería interior, e mudaranse os falsos teitos das aulas por teito acústico, entre outras actuacións.

Horario
A Conselleira de Educación, aproveitou á súa visita á cidade para asegurar que oito centros educativos modificarán o seu horario para a conciliación familiar.