A trixésima edición do Festival de Teatro Galego “Celso Parada”, que se desenvolverá no Carballiño do 2 ao 6 de setembro, inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.
No auditorio, ás 22 horas, terán lugar as cinco producións teatrais máis destacadas. Na sesión do venres terá lugar a Gala e entrega de premios Fetega “Dorotea Bárcena”.
No anfiteatro da Veracruz, ás 19 h., terán lugar os cinco espectáculos programados vencellados co circo.
Na Casa da Cultura, ás 12 da noite, haberá catro sesións de monólogos, así como unha obra infantil e unha mesa redonda-coloquio de creadoras.
E, finalmente, en horarios de mañá e tarde, ás 12 e 18 h. dende a Casa da Cultura, haberá pasarrúas de animación pola vila, e ás 21,30 h., fronte ao auditorio.