Con saídas desde Santiago, Vigo e Ourense.

Tres rutas do ViñoBus percorrerán o Ribeiro en setembro

A Ruta do Viño do Ribeiro, o Consello Regulador e o Xeodestino Ribeiro – Carballiño, coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, poñen en marcha novas rutas de ViñoBus para complementar a súa oferta enoturística durante o mes de setembro, coincidindo coa actividade da vendima. Centradas na promoción dos recursos patrimoniais e da cultura do viño.

Rutas
As rutas propostas este ano están centrada na temática da historia e comezarán o día 14 de setembro, ás 9.15 horas, cun autobús que partirá da cidade de Santiago de Compostela para percorrer a pegada histórica que as ordes monacais deixaron neste territorio, a través da produción e comercialización do viño do Ribeiro. Nesta ruta, os visitantes terán a oportunidade de gozar da visita ao Mosteiro de San Clodio e o Museo do Viño de Galicia, así como adegas socias da Ruta do Viño como Viña Costeira, Cuñas Davia ou Licores os Maios.

O día 21 de setembro, a temática do viñobus procedente de Vigo xirará en torno á cultura Castrexa, incluíndo na ruta visitas ao Castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño ou o Castro de San Cibrao de Las, ademais de adegas como Celme, Pousadorio ou Leive Ecoadega.
O último viñobus desta tempada, que partirá da cidade de Ourense o día 28 de setembro ofrecerá un percorrido polo Esplendor dos Pazos para descubrir as grandes xoias da arquitectura barroca situadas na parroquia de Pazos de Arenteiro, declarado conxunto histórico artístico. Complementarase esta visita coas adegas de Pazo Tizón, Terra do Castelo e Priorato de Razamonde.

Tódalas rutas disporán de servizo de guía turístico. O custe das entradas é de 15 euros e están á venta no portal de ataquilla.com, ou na Sede Afundación das cidades de Santiago de Compostela, Vigo e Ourense.