Sentadiña na fila reservada ós actores, os protagonistas, escoitando aquel trebón de aplausos, espertando das imaxes da túa vida que acababan de proxectar. Xa o imaxinarás; xa, na túa cabeciña, o tiñas ensaiado porque ti es das que pensas que a naturalidade é o froito da profesionalidade, das que improvisa só escollendo unha ou outra variante do camiño andando, de cada chanzo estudado, da escada onde aprendiches a pousar o pé, chea de trampas e chea de soños. Agardabas que amainaran, pero os teus seguiamos batendo as mans con forza.
O teu meniño medrou xa, non era un cativo de dez anos, era un xove de trinta, maduro e sensible, cheíño de amores, de bicos, de respecto e de igualdade, educáchelo para que defendera tamén a alma das mulleres, para que trouxera a liberdade, para enchelo de teatro!
Vin como te erguías dando as grazas, como dicías que non ías poder falar, a emoción pechábache a gorxa e as bágoas estragábanche o “rímel”. Mais só foron uns metros os que te separaban do escenario cando puxeches os tacóns nas táboas, a metamorfose encheu o auditorio con seguridade e con cariño; con dominio e con dozura lembrácheste de todos os que te axudaron, xenerosa décheslle os méritos ós outros, esqueciches ós que puxeron os paus nas rodas, ós que se subiron ó carro, non para tirar, senón para buscar só os parabéns que non merecían, porque as grandes son así: unha raiadiña de sol entre os ramallos do Arenteiro.
Entón entendino, “eu son filla de pulpeiros, de pulpeiros de Arcos!”, e vin aquela cativiña nunha feira a carón da caldeira, nunha mañá fría de inverno mirando engaiolada o lume, escoitei o “ruxe ruxe” dos teus pensamentos que che fervían na cabeza como o polbo na auga, aquela mirada de nena que quería ser actriz, mentres a luz das lapas escintilaba nos teus ollos tan fermosos.
Tamén sentín dende a butaca o tremor que te sacudiu ó lembrar a Celso Parada, o teu admirado “Sito”, vin as bágoas da morcega, e sentín un calafrío, unha punzada no peito, e a pel de galiña cando saíu a imaxe da túa cabeciña apoiada no seu ombreiro, e pensei que a inmortalidade dos actores inmuniza ó espectador da súa perda, e o seu legado consola ós profesionais, pero son as bágoas o único que pode redimir a perda do amigo, non si?
Si, claro que si, as despedidas sempre se pagan con bágoas, e a túa como directora do Fetega, agora Celso Parada, non ía ser menos. Déixalo no máis alto, cun éxito absoluto, ateigado de público. Pero tamén, aínda que non o dis, che veñen á testa as peregrinacións buscando financiación, as veces que tardaron en recibirte, a túa teima para facelo nunha vila, aínda que esa vila sexa O Carballiño, non calquera vila, as decepcións, as loitas, as noites sen durmir, os nervios, as dúbidas e as feridas.
Foi cando baixaches do escenario cando te vin máis grande, cando vin á Josi Lage máis humana, a que me dixo: “é que eu, por riba de todo, son actriz”. Esa muller capaz de comezar de novo cada día, de ter agora máis tempo para os seus, e a miña admiración fíxose devoción.
Máis tarde, no “fotocol”, estaban todos os premiados do festival, todos grandes actores e actrices cos que outro día calquera querería facerme moitas fotos, pero despois de entender a túa forza, a túa paixón e as túas bágoas, nese día na túa cara, estaba debuxado todo, o teatro e O Carballiño, entón quixen ter unha soa foto, unha foto contigo, moi pretiño de ti!
Avelino Jácome